Badariense
Fase da prehistoria exipcia correspondente ao Calcolítico inicial (primeira metade do IV milenio a C), definida a partir do xacemento de El Badari, na ribeira dereita do Nilo (Exipto). Estendeuse por unha parte do Exipto Medio, o Alto Exipto e o N do Sudán. Caracterízase polas necrópoles, compostas por enterramentos consistentes na colocación dos corpos envoltos en peles ou introducidos en canastros en posición xenuflexa, cun enxoval composto basicamente por amuletos de marfil de hipopótamo e estatuas femininas que representan a deusas da fecundidade de cerámica. Os poboados eran de cabanas de fibras vexetais. A súa economía era basicamente agrícola (trigo e cebada), se ben cunha considerable importancia da caza e da pesca. Semella que houbo un comercio primitivo de malaquita, a través do uadi Hammamat, co Sinaí e Siria. As cerámicas típicas desta cultura, de carácter funerario e gran calidade, están feitas a man, moi ben acabadas, puídas e bruñidas; teñen como característica principal que no interior e na parte alta do vaso son negras, fronte á cor entre marrón e avermellada do resto. Outros materiais arqueolóxicos típicos deste período son puntas de seta e coitelos de sílex, ademais de paletas de xisto, perlas de colar, culleres de óso, peites de marfil e vasos de pedras duras.