Baden-Württemberg
Land de Alemaña (35.752 km2; 10.374.505 h [1997]). A capital é Stuttgart. Comprende sete rexións naturais: o Alto Rin, a Selva Negra, o Odenwald, o Neckarland, os Alpes de Suabia, os Prealpes e a rexión propiamente alpina, e está drenado polas concas do Rin, do Danubio e do Neckar. A poboación experimentou un forte incremento desde 1945 debido á chegada de refuxiados procedentes da República Democrática Alemana. Baden-Wüttemberg está moi industrializado; destacan as industrias téxtiles, de maquinaria e de electrónica. Ao acabar a Segunda Guerra Mundial o estado de Baden foi dividido polas potencias aliadas en dúas partes: o N foi incluído dentro da zona de ocupación norteamericana e formou o land de Wüttemberg-Baden. O S incluíuse dentro da zona de ocupación francesa e constituíu o land de Baden. No ano 1950 organizouse un referendo consultivo e votouse maioritariamente pola formación dun estado unificado; polo tanto Baden, Wüttemberg e Hohenzoller foron reunidos para formar o land de Baden-Wüttemberg da República Federal de Alemaña.