Badius

Badius

Grupo de teatro creado en 1984 pola Asociación Cultural Adro de Baio (Zas). Desde 1986 este colectivo, coordinado por María do Carme Fernández, Alberte Villar e Roberto Gil Vigueretre, iniciou unha nova andaina que destaca pola súa actividade a prol da animación teatral de base, organizando obradoiros de expresión e creación teatral, promovendo mostras de teatro comarcais ou abrindo e consolidando novos circuítos de exhibición. En 1991 realizaron unha xira polos centros galegos en colaboración coa Federación de Sociedades Galegas en Suíza. Entre os seus espectáculos cómpre salientar: O menciñeiro á forza, a partir da obra homónima de Molière, estreado en 1985; Taberna sen dono (1988), sobre unha peza de Manuel Varela Buxán; O avarento (1992), segundo o texto de Molière; O tío miseria (1994), adaptación dun conto do escritor galego Enrique Labarta Pose ou Cargar co morto (1996), versión dunha peza de Alfonso Paso, todos baixo a dirección de Alberte Villar. O labor de dinamización deste colectivo, asentado na escolla dunha liña de creación teatral orientada a todos os públicos, reflíctese no elevado número de persoas que participan nos seus espectáculos e obradoiros, así como nas case duascentas funcións realizadas nos seus quince anos de existencia.