Baguirmi
Antigo sultanato musulmán do Sudán central, que actualmente forma parte da República do Chad, ao S de Kanem e ao L do lago Chad e do río Chari. Os baguirmis constitúen unha etnia á parte. Desde antes do s XVI estaba habitado por diversas tribos negroides, entre as que salientaba a dos bulalos. Esta tribo e outras foron desprazadas cara ao 1500 cando Kenga Berni-Bessé se instalou en Massenya e fundou unha dinastía. Malo (1546-1568), un dos seus descendentes, titulouse mbang (rei divino) e organizou Biguirmi como unha monarquía sagrada que persistiu ata despois da súa conversión ao Islam. A partir do s XVII, Baguirmi tivo que loitar contra os seus veciños, os reinos de Borno e Ouadaï, e cara ao 1760 aceptou a soberanía de Ouadaï. Despois dun período de independencia, foi arrasada a súa capital polo sultán de Ouadaï e tivo que pedir axuda a Francia (1897); a rexión formou parte da África Occidental Francesa ata o 1960.