Baía

Baía
Nome científico: [nome oficial: Bahia]

Estado federado do Brasil, no L do país (566.978 km2; 12.541.675 h [estim 1996]). A capital é Salvador. Situado en latitudes tropicais, está formado por unha extensa chaira litoral, baixo o dominio climático tropical húmido, e unha rexión montañosa no interior, de clima máis seco, que ten como principais aliñacións a Serra Geral de Goiás, que forma parte do altiplano brasileiro, e a Chapada Diamantina. A rede fluvial artéllase arredor da conca do río São Francisco. A agricultura localízase na chaira costeira, sobre todo ao redor do Salvador, no Recôncavo, onde destacan as producións de azucre, tabaco, algodón e froita. Máis ao SL, ao redor de Ilhéu, esténdese o monocultivo do cacao. No interior do estado, a gandería bovina e ovina é a principal actividade. Entre os recursos minerais destacan os xacementos de manganeso, cromo, molibdeno, cobre, ferro, amianto, diamantes, gas natural e petróleo. A industria (téxtil, alimentaria, construción naval, materiais da construción, etc) localízase na cidade do Salvador. Os contrastes naturais e climáticos entre o litoral e o interior teñen a súa correspondencia no poboamento, resultando densidades moito máis elevadas na costa, fronte ao resto do estado que rexistra pouca poboación. As principais cidades atópanse na franxa marítima, na baía de Todos os Santos, destacando Ilhéu. A de Baía foi unha das primeiras capitanías que estableceron os portugueses no Brasil (1534), especializándoa na produción de cana de azucre. Coa centralización das colonias portuguesas do Brasil en 1549, Salvador foi declarada capital de territorio, condición que mantivo ata 1763. O actual estado creouse coa agregación das capitanías de Baía, Ilhéus e Porto Seguro.

Palabras veciñas

Baia | baía | Baía | Baía | Baia Mare | baiacense | Baiacense