bailada

bailada

(< bailar)

  1. s f

    baila.

  2. s f [LIT]

    Composición que invita ao baile. O concepto de bailada na lírica galego-portuguesa é entendido polos estudiosos desde dúas perspectivas distintas. Uns sosteñen que baixo este termo se deben incluír un certo número de cantigas emparentadas co rondeau da lírica francesa, que posúe unhas características formais determinadas, tal e como sucede coa balada provenzal. Outros, en cambio, conceden máis importancia aos elementos conceptuais no establecemento da súa caracterización e din que as bailadas galego-portuguesas se deben encadrar nunha tradición de cancións de danza que xa existían desde os principios do Cristianismo. Nesta mesma liña, a profesora Mercedes Brea define a bailada como unha variedade do xénero amigo caracterizada por incluír a mención explícita do baile (máis concretamente unha invitación ao mesmo). Para esta investigadora serían sete as cantigas que presentarían esta modalidade xenérica: “Bailade, oje, ai filha, que prazer vejades” e “Bailade nós ja todas tres, ai amigas” de Airas Nunez; “Bailemos agora, por Deus, ay velidas” de Johan Zorro; “Eno sagrado, en Vigo” de Martin Codax; “Poys nossas madres van a San Simion” de Pero Viviaez e dous dos lais, “Ledas sejamos ogemais!” e “O Marot aja mal-grado”, ás que se podería engadir a cantiga de Don Denís “Mha madre velida!”, aínda que, neste caso, o termo bailia/bailada fai referencia á propia actividade do baile, sen que haxa unha invitación a el. Curiosamente, na fragmentaria Arte de Trobar do Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (B), ao igual que acontecía nos tratados de retórica occitanos, non se fai ningún tipo de referencia ás bailadas. A explicación quizais resida en que, por tratarse dunha composición da lírica tradicional, non sería axeitada para ser recollida en coleccións de carácter culto. Non obstante , pese a esta ausencia, os trobadores si debían de ter coñecemento desta modalidade. A lectura dos cancioneiros ofrece, aínda que escasa, información que permite demostrar que a bailada era coñecida na lírica galego-portuguesa; é o caso da rúbrica explicativa da cantiga “Eu convidei un prelado a jantar, se ben me venha” de Johan de Gaia (“Esta cantiga foi seguida per ûa bailada que diz....”) e o segundo dos lais copiados no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa “O Marot aja mal grado” /concretamente, os versos 3 e 4 da terceira cobra: “andamos fazendo dança, / cantando nossas bailadas!”). Por outra parte, a presencia de composicións semellantes noutras literaturas románicas -as baladas provenzais, as ballate italianas, as ballettes francesas- axudan a reafirmar a existencia desta realidade.

Palabras veciñas

Baikal | baila | bailable | bailada | 1 bailadeira | 2 bailadeira | bailadeiro -ra