Baio Grande
Baio Grande
Lugar da parroquia de Baio, concello de Zas. Situado na confluencia das estradas comarcais C-545 (a Santa Comba e Santiago de Compostela) e C-552 (de Fisterra a Carballo e A Coruña) e a local AC-430 (a Cabana e Laxe), na ponte sobre o río Grande, é un dos principais nós de comunicacións da Costa da Morte, entre as terras de Bergantiños e de Soneira. Esa condición de encrucillada favoreceu un desenvolvemento das actividades terciarias que o converteron no principal núcleo urbano do concello de Zas (885 h [1996]). O seu crecemento levouno a sobrepasar o límite parroquial e municipal, estendéndose máis aló da ponte pola parroquia de Bamiro, no concello de Vimianzo (Baio de Bamiro).