Wisconsin
Estado de EE UU situado entre os lagos Michigan e Superior (145.436 km2; 5.363.675 h [2000]). A súa capital é Madison. Limita ao N co estado de Michigan e co lago Superior, ao S co estado de Illinois, ao L co lago Michigan e ao O con Minnesota e Iowa. Predomininan as terras baixas (Rib Hill 582 m). As augas do sector SO van cara ao Mississippi, mentres que o resto son tributarias dos lagos Superior e Michigan. Entre os seus recursos minerais destacan o zinc e o ferro. Forma parte do Dairy Belt, zona de produción leiteira do N e o NL estadounidense. Ten industrias de construción mecánica e naval e refinarías de petróleo. A súa aglomeración principal é Milwaukee. Explorado e colonizado polos franceses (s XVII), pasou a poder de Inglaterra (1763) e formou parte da Unión; constituíuse como estado en 1848.