Koch, Heinrich Hermann Robert

Koch, Heinrich Hermann Robert

(Clausthal 1843 - Baden-Baden 1910) Médico e microbiólogo alemán. Sendo novo exerceu a medicina rural ata que os seus traballos de laboratorio chamaron a atención dalgúns sabios coetáneos, como F. Cohn ou J. Cohnheim, e lle valeron un cargo importante no departamento imperial de hixiene de Berlín, onde proseguiu as súas investigacións e creou novos métodos de cultivo de bacterias. Descubriu o bacilo da tuberculose (1882) e o virus colérico (1883). Estableceu a lei que leva o seu nome para saber se un microbio é axente causal dunha enfermidade. Profesor na Universidade de Berlín, publicou importantes traballos sobre a teoría xeral da enfermidade infecciosa e, en particular, sobre a tuberculose. En 1890 obtivo a tuberculina que non respondeu ás esperanzas creadas ao redor do mundo como remedio infalible, pero que foi utilizada con éxito no diagnóstico precoz da tuberculose. Tamén inventou novas técnicas de cultivo de microorganismos, atopou os microorganismos causantes da disentería amébica e da conxuntivite, e investigou sobre a peste, paludismo e a lepra. En1905 recibiu o Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina polo seu descubrimento do bacilo da tuberculose.

Palabras veciñas

Koblenz, manifesto de | Kobus | Kocaeli | Koch, Heinrich Hermann Robert | Koch, Johann | Koch, postulados de | Kochanowski, Jan