Kremlin, O

Kremlin, O

Kremlin de Moscova. De forma triangular, está rodeado polo río Moskva, a Praza Vermella e pola avenida (prospektiva) Marx. Erixido no s XII, foi refeito no s XV por arquitectos italianos. No interior hai diversas igrexas, convertidas en museos; as máis importantes son as da Uspenskij (Asunción) (1476-1479), obra de A. Fieravanti, a da Blagoveščenskij (Anunciación), que conserva un grande iconostasio, obra de Teófanes o Grego e Andrej Rubl’ov, e a do Arkhangel’skij (Arcanxo), que conserva a tumba de Iván IV o Terrible. Cómpre destacar tamén o campanario de Iván (s XVI), ao pé do que se atopa a “raíña das campás” (5,87 m de altura e 218 toneladas). Entre os edificios civís destacan o Granovitaja Palata, construído cara a 1500, o arsenal e o antigo senado, sede do goberno (s XVIII) e o gran Palacio (1838-1849). Sede do goberno soviético durante a existencia da URSS (1917-1991), o Kremlin designaba, na linguaxe periodística, este mesmo goberno e, posteriormente, o de Rusia. Xunto coa Praza Vermella foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1990.