Kronach, Lucas o vello

Kronach, Lucas o vello
[IMAX]

(Kronach, Franconia 1472 - Weimar 1553) Pintor e gravador alemán. Descoñécese o seu verdadeiro apelido: Müller, Maler ou Sünder. Aprendeu co seu pai, Hans Kronach , pintor e gravador. A principios do s XVI estableceuse en Viena, onde traballou en dúas versións da Crucifixión, realizou os retratos de Johannes Cuspinian e da súa dona Anna e pintou as primeiras obras paisaxísticas, como Descanso na fuxida a Exipto (1504). Foi pintor da corte do elector de Saxonia Federico III en Wittemberg (1504). Nos Países Baixos (1508-1509) coñeceu a obra dos pintores holandeses contemporáneos. Foi o intérprete e divulgador da nova iconografía protestante, e no cuarto decenio do século deixou a pintura para consagrarse á política e ao comercio. A súa obra presenta unha temática diversa, ás veces contraditoria, e constitúe unha crónica da vida cortesá de Wittenberg. Fixo retratos de personaxes protestantes e católicos, e da corte como Alberte de Brandenburgo ante o Crucificado (1520-1525). Cultivou a pintura relixiosa e mitolóxica, entre as que destacan os nus femininos. Realizou tamén ilustracións para libros. Os seus fillos Lucas Kronach o Novo (Wittenberg? 1510?-Boloña 1537) e Hans Kronach (Wittenberg 1515-Weimar 1586), continuaron co seu obradoiro.

Palabras veciñas

Krogzemis, Mikus | Krolow, Karl | Kron, efecto | Kronach, Lucas o vello | Krone, Herman | Kronecker, delta de | Kronecker, Leopold