kurdo
(<ár kurd ‘xentilicio dun pobo de Asia’)
-
adx
Relativo ou pertencente aos kurdos ou a súa lingua.
-
s
[ETN]
Individuo do pobo kurdo.
-
s
m pl
[ETN]
Pobo de orixe indoeuropea descendente probablemente dos medos. Habitan nunha ampla zona, dividida entre Turquía, Iraq, Irán, Siria, Acerbaixán e Armenia. Despois da conquista árabe (636) foron islamizados superficialmente e mantiveron prósperos principados independentes. En 1515 os príncipes kurdos aliados cos otomanos detiveron a expansión dos persas e conservaron unha relativa independencia durante os ss XVI e XVII, pero o seu territorio dividiuse entre o Imperio Otomano e o Imperio Persa. Trala disolución do Imperio Otomano (1918), incrementouse o seu nacionalismo, e sufriron unha dura persecución. Maioritariamente musulmáns sunnitas, existen diversas minorías heterodoxas e grupos de cristiáns. Víctimas de xenocidio na maioría dos estados nos que habitan, dedícanse principalmente á gandería nómade e á artesanía, así como ao cultivo de cereais. A propiedade da terra, que permanece nas mans dunha minoría de terratenentes ou aghas, condiciona a organización social baseada na familia. O conxunto de familias forman unha tira, e da unión de varias resulta a ashirat ou confederación de tribos, unidade política máis ampla. OBS: Tamén se denomina curdo.
-
s
m
[LING]
Lingua irania da familia indoirania do phylum indoeuropeo que falan uns 20-25 millóns de kurdos. Está dividida en numerosos dialectos que se agrupan en tres conxuntos: o kurmandjí, subdividido así mesmo nun grupo chamado kurmandjí setentrional (kurmancî ou badînanî) falado por aproximadamente uns 15 millóns de kurdos de Turquía, Siria, Acerbaixán, Armenia, do N de Kurdistán iraniano e do NO do Kurdistán iraquí, e outro grupo chamado kurmandjí meridional (kurdî), falado por 6 millóns de persoas no Kurdistán iraniano e iraquí; o dimilî ou zaza falado por 4,5 millóns de kurdos principalmente nas rexións de Dêrsim (Tunceli) e Sêwrek (Siverek) no Kurdistán turco; e finalmente, o guraní, falado por un millón e medio de persoas na zona de Kermasha (Bakhtarân), no S do Kurdistán iraquí. Emprega caracteres árabes aínda que modernamente hai tendencia a escribir en alfabeto latino, calcado directamente do turco, e tamén no alfabeto cirílico, en Armenia. OBS: Tamén se denomina curdo.