Cerna
Revista trimestral en galego que se editou en 1989, difundida pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). Na primeira etapa denominouse igual ca a asociación. Como indica o subtítulo de “Revista Galega de Ecoloxía e Meio Ambiente”, dedícase a denunciar as agresións contra o medio ambiente. Acolle diversas seccións tituladas “Actualidade”, “A nosa Flora”, “Ecoloxía mariña”, “Roteiro”, “Residuos”, “Dossier”, “Humor” ou “Actividades”. Entre os colaboradores destacan Manuel Soto, Elvira Cienfuegos, Ramón Varela ou Xesús Pereiras. Contén tamén distintos traballos literarios como os poemas das contraportadas firmados por Avilés de Taramancos, Francisco Souto, Cesáreo Sánchez, Igor Lugrís, Bernardino Graña ou Darío Xohán Cabana. A partir do número 6, Emilio Insua comezou un apartado titulado “A natureza da literatura”, no que analiza a visión que diversos personaxes, como Afonso X, Francisco Añón, Leiras Pulpeiro, Marica do Campo ou Manuel María, tiñan da natureza.