forza

forza

(< lat tardíofŏrtĭa, pl n de fortis)

    1. s f

      Capacidade física para facer un esforzo, un traballo ou un movemento. Na tradición oral recóllense ditos como: “Can ladrador que non ten forza ai, se se descoida! Forza, de mozos; e consello, de vellos. Máis vale maña que forza. Onde a forza non basta, abonda a maña. Onde non vexas forza, non botes carga”.

      Ex: Non lle falta forza para levantar catro sacos coma eses. 

    2. forza animal

      Forza física dun animal da que se tira proveito.

    3. forzas productivas [ECON]

      Conxunto de materias primas, maquinaria e instrumentos de produción, forza de traballo e experiencia acumulada na realización do proceso de produción, dispoñibles nun período e nun sistema económicos determinados e en constante evolución.

  1. s f

    Capacidade moral ou intelectual para levar a cabo unha acción ou soportar un sufrimento ou penalidadde.

    Ex: Non teño forzas nin para contar todo o que me pasou. 

  2. s f

    Poder ou capacidade para mandar ou impoñer algo. Na tradición oral recóllense ditos como: “A verdade ten moita forza. O amor non hai forza que o venza nin o torza. O costume ten forza de lei”.

  3. s f

    Capacidade de algo para producir un efecto, influencia ou función.

    Ex: Gústalle o tabaco con forza e sabor. Foi un discurso con moita forza. O medicamento tiña pouca forza para combater a enfermidade. 

    1. s f

      Poder ou capacidade para influír na maneira de actuar de alguén ou no desenvolvemento dunha cousa.

      Ex: Era unha forza estraña a que o levaba a se comportar daquel xeito. 

    2. s f

      Influencia que exerce alguén pola súa importancia dentro dunha comunidade ou dun grupo, ou polas relacións que mantén.

      Ex: A forza do clero foi moi importante durante a Idade Media ata os nosos días. 

    3. forza maior

      Circunstancia ou suceso non previsto ou insalvable que impide o cumprimento dunha obriga.

      Ex: Non foi ó traballo por causa de forza maior. 

  4. s f

    Poder ou capacidade para actuar, vivir ou desenvolverse.

    Ex: Fágome vella: estou a perder as forzas. A cerdeira retoñou con forza. 

  5. s f
    1. Intensidade con que se manifesta algo. Na tradición oral recóllese o seguinte dito: “Arco da vella ao poñente, forza de remos e vente”.

      Ex: A forza dunha paixón ninguén é quen de parala. 

    2. Grao de concentración dunha bebida gasosa ou alcólica.

      Ex: Deixaches a gasosa aberta e perdeu forza. 

  6. s f

    Aquilo que constitúe o máis alto grado de algo.

    Ex: A ver se non chove este ano na forza da vendima. Non imos cavar no millo coa forza da calos.

  7. [FÍS]
    1. s f

      Causa capaz de modificar o estado de repouso ou de movemento dun corpo ou de lle producir deformacións. As forzas entre os corpos pódense exercer por contacto directo entre eles ou ben por acción a distancia. A relación entre as forzas que actúan e as deformacións que producen denomínase lei de Hooke. A relación entre as forzas e os cambios no estado de repouso ou de movemento dos corpos vén dada polas dúas primeiras leis de Newton, que establecen que a forza F que actúa sobre un punto material é directamente proporcional á aceleración a que lle produce: F =m a . Segundo a terceira lei de Newton, cando un corpo A actúa sobre outro corpo B cunha forza F , chamada de acción, o corpo B actúa enriba do A cunha forza igual e de sentido contrario, chamada de reacción. As forzas mídense estaticamente, polas deformacións que producen en resortes (dinamómetros), ou dinamicamente, polas aceleracións que orixinan. O carácter vectorial das forzas maniféstase en todas as situacións, nas que é esencial considerar a dirección na que actúan. A unidade de forza no SI é o newton e no CGS a dina. Historicamente, houbo moita confusión ao utilizar a palabra forza, dende Aristóteles, que a asociaba a un cambio de posición, e non de velocidade, dos corpos, ata J. Buridan que, en 1350, a confundía co ímpeto ou coa cantidade de movemento. Foron Galileo e, máis tarde, Newton os que precisaron a noción de forza no sentido actual. A pesar de que a física cuántica non utiliza a noción de forza, é habitual falar de forza para referirse á interacción.

    2. forza central

      Forza que, ao actuar sobre un punto material, se dirixe sempre a un mesmo punto O do espacio. É frecuente que as forzas centrais dependan soamente da distancia do punto material ao punto O; neste caso é moi fácil de probar que as forzas centrais son conservativas.

    3. forza centrífuga

      Forza que se opón, dende o centro do círculo, á forza centrípeta.

    4. forza centrípeta

      Forza que, ao actuar sobre un punto material, ocasiona neste un movemento circular uniforme. Por extensión, tamén se denomina así a compoñente da forza perpendicular á traxectoria que describe calquera punto material. O valor desta forza F vén dado pola fórmula F =m a c , | a c |=v 2 /ρ, onde a c é a aceleración centrípeta e ρ o radio de curvatura.

    5. forza conservativa

      Forza para a que é posible definir unha enerxía potencial da que deriva: F =-gradV. Cando un corpo se somete a esta forza, a suma das enerxías cinética e potencial do corpo mantense constante. As forzas non conservativas denomínanse disipativas; a de fricción é un bo exemplo.

    6. forza de Coriolis

      Forza ficticia F <J>C</J>, similar á da inercia que aparece ao aplicarlles a segunda lei de Newton aos sistemas de referencia que xiran respecto aos sistemas inerciais. O seu valor vén dado pola fórmula F <J>C</J>=m a <J>C</J>, onde a <J>C</J> é a aceleración de Coriolis.

    7. forza de Lorentz

      Forza total que actúa sobre unha carga eléctrica no seo dun campo electromagnético: F =q( E + v ´ B ).

    8. forza de inercia

      Forza ficticia F , que por comodidade se introduce para resolver certos problemas dinámicos. O valor desta forza é F =-m a , onde a é a aceleración do punto considerado.

    9. forza elástica

      Forza central de módulo proporcional á distancia dunha partícula a un punto fixo e oposta ao seu desprazamento.

    10. forza electrostática/de Coulomb

      Forza que se exerce entre dúas cargas eléctricas en repouso. O valor desta forza vén determinado pola lei de Coulomb.

    11. forza gravitatoria

      Forza atractiva que se exerce entre dúas masas. É inversamente proporcional ao cadrado da distancia entre as masas, como se desprende da lei F=(Gm 1 m 2 )/r 1 2 , chamada da gravitación universal. Estas forzas son, en boa parte, as responsables da estrutura do Universo no plano astronómico.

    12. forza magnética

      Forza que se exerce entre cargas eléctricas en movemento. Estas forzas son as responsables da interacción dos polos dos imáns.

    13. forza nuclear

      Forza atractiva que actúa entre os protóns e os neutróns do núcleo atómico, sen distinción da súa carga eléctrica. Son forzas de curto alcance, moito máis intensas ca as electromagnéticas, e satúranse facilmente, isto é, unha partícula non pode interaccionar con moitas outras simultaneamente.

    14. forza universo

      Nome dado, na teoría da relatividade, ao cuadrivector derivada, respecto ao intervalo s, do cuadrivector momento lineal universo p. En compoñentes é F μ =(dp μ /ds), onde μ é igual a 1,2,3,4. Cuadrivector derivada, respecto ao intervalo s, do cuadrivector momento lineal universo p, na teoría da relatividade. En compoñentes é F μ =(dp μ /ds), onde μ é igual a 1,2,3,4.

    1. s f

      Colectivo de persoas, de carácter civil ou militar, cuns obxectivos comúns. OBS: Nesta acepción emprégase en plural.

      Ex: As forzas políticas condenaron a entrada en vigor da nova lei. 

    2. s f [BÉL]

      Número efectivo de soldados. OBS: Nesta acepción emprégase en plural.

    3. forza de choque [BÉL]

      Conxunto de elementos militares dispostos para entrar en acción nun momento determinado, para atacar ou para responder a unha agresión.

    4. forza de seguridade

      seguridade.

    5. forza pública

      Forza que se encarga de manter a orde pública.

    6. forzas aéreas [BÉL]

      Conxunto de unidades de voo e de servicios de terra que integran o exército do aire.

    7. forzas armadas [BÉL]

      Conxunto dos exércitos de terra, mar e aire dun estado ou dunha organización supraestatal.

    8. forzas marítimas [BÉL]

      Conxunto integrado polas forzas navais, representadas polas escuadras, as terrestres, formadas polas baterías de costa ou de defensa, e as aéreas, que integran a mariña militar.

    9. forzas vivas [SOCIOL]

      Conxunto de persoas ou grupos que fomentan e controlan unha actividade, especialmente a económica, nun pobo, comarca ou país.

  8. [DER]
    1. s f

      Unha das causas que vician a validez dos actos.

    2. s f

      igor natural da persoa utilizado sobre as cousas. O uso da mesma fai que se cualifique de roubo o apoderamento dunha cousa moble con ánimo de lucro.

    3. s f

      Agravio que fai un xuíz ou un oficial eclesiástico cando usurpa unha xurisdición para saber dunha causa ou se nega a dar o dereito de apelación.

    4. forza de lei

      Carácter obrigatorio semellante ao da lei.

    5. forza maior

      Acontecemento externo á relación xurídica, imprevisible ou previsto pero inevitable, que exime do cumprimento dunha obriga.

    6. forza nas cousas

      Circunstancia que, se ben se dá no apoderamento de bens mobles con ánimo de lucro, obriga a cualificalo de robatorio .

  9. Forza física empregada sen dereito ou sen intelixencia.

    Ex: É moi amigo da forza bruta á hora de aplicar disciplina. 

  10. [LING]

    Intención comunicativa do falante ao emitir un enunciado. A forza ilocutiva unida ao contido proposicional do enunciado dá lugar ao que se coñece como acto ilocutivo, isto é, as diferentes accións que se levan a cabo ao falar, por exemplo, ameazar, prometer, ordenar ou afirmar. Os actos ilocutivos refírense a accións que existen polo mero feito de expresalas e, polo tanto, non son verdadeiros nin falsos. Non obstante , para que a forza ilocutiva sexa efectiva é necesario que se cumpran determinados requisitos, coñecidos como condicións de éxito ou condicións de fortuna. Por exemplo, no caso de verbos como declarar a guerra ou multar, o emisor debe presentar as facultades necesarias: ser presidente dun estado ou policía, respectivamente. A forza ilocutiva non sempre se ten que expresar mediante un dos denominados verbos realizativos, do tipo ordenar, ameazar ou invitar, senón que na maioría dos casos se transmite implicitamente. Así, cun enunciado como Mañá vou revisar as contas da empresa, pódese intentar transmitir unha ameaza ou advertencia. Hai algúns verbos realizativos como xurar ou bautizar que só poden funcionar de maneira explícita. Do mesmo xeito que a forza ilocutiva remite ao emisor, o denominado efecto perlocutivo fai referencia ao oínte, é dicir, ao efecto que o enunciado causa neste. A forza ilocutiva dun enunciado e o efecto perlocutivo non sempre coinciden, pois se se ordena algo a alguén, o interlocutor pode seguir ou non a orde.

  11. [QUÍM]

    Medida da intensidade do campo eléctrico debida aos ións existentes nunha disolución. Exprésase mediante a fórmula u=1/2Σc i z i 2 , onde c i é a concentración real (ou molalidade) de cada ión e z i o seu número de oxidación.

Frases feitas

  • Á/Pola forza. De maneira obrigada, contra a propia vontade.

  • 1 Con forza, fortemente. Ex: Para pechar a porta, dádelle de forza.

  • 2 De necesidade. Ex: Tes que ir de forza facerlles unha visita.

  • A forza de. Expresión coa que se indica que algo se conseguiu a base de moito esforzo e insistencia. SIN: a poder de. Ex: Conseguiuno a forza de traballar.

  • Cobrar forzas. Irse restablecendo.

  • Con forza. En abundancia, en cantidade. Ex: Puxeron comida con forza.

  • De forza.

  • Facer forza de vela. Matarse a traballar para acadar algo.

  • Facer forza. Tentar conseguir algo por medio da presión ou a forza. Ex: Os obreiros fixeron forza para cobrar os atrasos.

  • Facerlle a alguén forza algunha cousa. Influír algo en alguén de xeito que o condiciona para obrar dunha determinada maneira.

  • Írselle a alguén a forza pola boca. Falar moito pero facer pouco.

  • Manda forza! Expresión que indica sorpresa e admiración.

  • Por forza. Necesariamente. Ex: Por forza vaille gustar o galano, porque é precioso.

Palabras veciñas

Forxán | forxar | forza | forza | Forza Italia | forzado -da | forzador -ra