perspectiva

perspectiva

(< lat tardíoperspectīva [ars] ‘optica’)

  1. [ARTE/MAT]
    1. s f

      Técnica de representar obxectos tridimensionais sobre unha superficie bidimensional de xeito que, cando se mira cun só ollo, inmóbil e posta á distancia xusta, a imaxe perspectiva coincide coa que daría a visión directa. Tamén se inclúen os métodos e maneiras de representar ou suxerir a profundidade espacial sobre o plano pitórico. Aínda que en Grecia xa coñecían un sistema de formulación da perspectiva e que nos obradoiros dos pintores italianos dos ss XIII e XIV existían esquemas xeométricos e formulas empíricas de redución de obxectos ou planos, foi o humanismo florentino quen abriu o camiño á perspectiva artificialis ou á tradución da óptica e á xeometría en termos plásticos ou de ciencia da representación da visión (Trinità, fresco de Masaccio en santa Maria Novella, Florencia, 1425-1427): non obstante, a tradición atribuíulle este cambio a F. Brunelleschi. Destacaron tamén as formulacións teóricas de L. B. Alberti (De pitura, 1435) e as investigacións de Leonardo da Vinci. Esta pasou a ser unha ferramenta artística común na Europa do s XVI que tamén se aplicou á arquitectura (Bramante, Palladio, Borromini). Nos ss XVII e XVIII os tratados sobre a perspectiva reducíronse a simples formulario, de normas e mecanismos prácticos. Durante o s XIX o sistema perspectivo tradicional converteuse no eixe da educación artística académica. No s XX o cubismo rompeu coa visión tradicional da perspectiva renacentista. A historiografía da arte criticou as bases das nocións tradicionais sobre o valor da perspectiva e conduciu a unha revisión fundamental de toda a complexa problemática, que foi actualizada por E.Panofsky, defendendo a relatividade de todo sistema de representación. A partir do s XX a historia da perspectiva empeza un novo capítulo de técnicas proxectivas, derivadas dos sistemas óptico-mecánicos, coa posibilidade dos daguerrotipos, de fixación fotoquímica duradeira das imaxes no interior da cámara escura: a fotografía, o cine e a holografía.

    2. s f

      Construción ou representación xeométrica dun obxecto tridimensional sobre unha superficie bidimensional.

    3. perspectiva aérea

      Perspectiva que se ocupa da representación do aire ou a atmosfera que envolve os obxectos ou escenas e que segundo as horas do día, a intensidade da luz, a claridade da atmosfera, etc, se modifíca a ambientación. Un exemplo son as obras de Veláquez Las Meninas e Las Hilanderas e os cadros dos impresionistas que trataron de representar a luz e o aire que envolve a paisaxes, obxectos ou espazos.

    4. perspectiva aérea

      Perspectiva utilizada en certos trazados panorámicos topográficos, nos que, ao situar o punto de vista a bastante altura, ofrecen a visión dunha vista aérea da paisaxe.

    5. perspectiva axonométrica

      Sistema de representación que consiste en referir os obxectos que han ser representados aos planos dun triedro trirrectángulo (planos coordenados) e proxectalos, despois, sobre un cuarto plano (plano do cadro) oblicuo aos anteriores (axonometría). Pódese escoller a orientación do plano do cadro de xeito que corte o triedro de coordenadas segundo un triángulo equilátero, isóscele ou escaleno, feito que daría lugar a tres sistemas axonométricos diferentes, chamados, respectivamente, perspectiva isométrica, perspectiva diamétrica e perspectiva trimétrica.

    6. perspectiva cabaleira

      Proxección cilíndrica oblicua dun corpo sobre o plano de proxección (plano do cadro).

    7. perspectiva central/polar

      Sistema de representación en que as liñas proxectantes pasan por un punto fixo chamado centro de proxección ou polo.

    8. perspectiva cónica

      Perspectiva central de representación cuxo centro de proxección ou polo é o ollo do observador. Unha perspectiva cónica chámase paralela cando as liñas horizontais do obxecto que se quere representar están as unhas paralelas ao plano do cadro e as outras perpendiculares, e oblicua cando estas liñas se representan oblicuamente respecto ao plano do cadro.

    9. perspectiva lineal

      Perspectiva que representa os obxectos en calquera dos sistemas de perspectiva, utilizando como medio de expresión soamente a liña. Ao cinguirse aos bordos dos obxectos dá unha imaxe precisa, polo que é a máis utilizada para trazados xeométricos, planos e debuxos técnicos.

  2. s f

    ista dun conxunto de obxectos que dá unha impresión de distancia.

    Ex: Desde alí víase unha perspectiva de todo o val.

    Confrontacións: panorámica.
  3. s f

    Distancia axeitada para poder observar ou valorar algo.

    Ex: Os acontecementos poderanse analizar mellor coa perspectiva dos anos.

  4. s f

    Punto de vista ou maneira de ver as cousas.

    Ex: Desde a nosa perspectiva, o que propoñen non é realizable.

  5. s f

    Desenvolvemento dun asunto ou dun acontecemento que pode ser favorable ou desfavorable, e que se considera como probable para o futuro.

    Ex: As perspectivas do negocio non son moi boas.

  6. s f [LING]

    Noción que, segundo a terminoloxía de G. Guillaume, considera a acción do verbo segundo estea dirixida cara a un desenvolvemento ulterior (prospectiva) ou careza de referencias a este desenvolvemento (retrospectiva).

Frases feitas

  • Ter algo en perspectiva. Ter algo como proxecto. Ex: Teñen en perspectiva unha viaxe.