ábaco

ábaco

(< lat ăbăcu

  1. s m [MAT]

    Aparello simple de cálculo que permite facer todas as operacións aritméticas básicas. Consiste, normalmente, nun taboleiro ou marco provisto de arames paralelos, con bólas perforadas que corren ao longo deste. Cada restra representa un lugar decimal: unidades, decenas, centenas, etc, e o seu número pode ser variable. As operacións efectúanse cambiando de posición unhas bólas en relación coas outras. Cunha manipulación complicada, pódese conseguir mesmo a extracción de raíces. De posible orixe hindú, de onde pasou á China, o ábaco foi usado no antigo Exipto e probablemente en Babilonia, de onde pasou á cultura occidental a través da Grecia e Roma clásicas.

  2. s m [HIST/MAT]

    Antigamente, libro que ensinaba a ciencia matemática e a calcular.

  3. s m [HIST/MAT]

    Táboa gráfica cunha capa de area fina, útil entre outras operacións para debuxar e calcular. Antecedente do ábaco moderno, empregado polos nenos gregos e romanos da Antigüidade.

  4. s m [MAT]

    Táboa gráfica ou cadro sinóptico de cantidades, segundo uns sistemas figurativos codificados que permiten efectuar determinados cálculos numéricos ( nomograma).

  5. ábaco neperiano [MAT]

    Instrumento de cálculo creado polo matemático escocés John Napier. Consiste nunha serie de variñas numeradas e ten por obxecto facilitar as operacións aritméticas substituíndo as multiplicacións e divisións por adicións e subtraccións, respectivamente.

  6. ábaco pitagórico [MAT]

    Táboa de Pitágoras .

  7. s m [ARQUIT]

    Peza prismática de volume cuadrangular en forma de táboa que, sobre o equino, coroa o capitel e serve de asentamento á arquitrabe, ó tempo que protexe a decoración do capitel.

  8. s m [CONSTR]

    Táboa ou placa de pedra, de metal ou doutros materiais destinada a revestir superficies.

  9. s m [DEC]

    Espacio liso e sen ornamentar nos mosaicos e nas paredes decoradas con mármores.

  10. s m
    1. Mesa cadrada, taboleiro.

    2. [HIST]

      Na Antigüidade clásica, mesa destinada, nos santuarios e nas casas, a amosar as ofrendas recibidas.

  11. s m [IND]

    Artesa circular que se emprega para lavar minerais.

  12. s m [XOGO]
    1. Taboleiro destinado, entre outros, aos xogos de damas, xadrez e dados.

    2. Contador do xogo de billar.

Palabras veciñas

abacial | abacioloxio | abacista | ábaco | Abaco | abacomitato | abacómite