Aballe
Liñaxe orixinaria da antiga fortaleza de San Paio de Fiolledo, no concello de Salvaterra de Miño segundo probou en 1715 Manuela Xosefa Enríquez de Mendoza Doxo Tamayo e Guzmán viúva de Xoán Antonio Salgado de Avalle e Acuña, cabaleiro de Santiago e rexedor perpetuo da cidade de Ourense. Descendentes desta familia emparentaron cos Prego de Montaos, naturais de Redondela. Os de Fiolledo foron donos e señores xurisdicionais da Casa da Granxa nos arredores de Cambados, da de Salceda de Caselas e da de San Pedro da Ramallosa no Val Miñor, entre outras. Afincáronse en diversos lugares de Galicia e adoptaron os apelidos A Val, Da Val, Do Val, O Val e Ovalle. As súas armas levan, en campo de azur, un brazo nacente do flanco destro, empuñando unha espada de prata coa punta cara a arriba, flanqueado todo de tres lises de ouro, ben ordenadas, dúas no xefe e unha en punta. Outra, escudo cuarteado onde o primeiro e o cuarto levan, en campo de ouro, tres faixas de azur e o segundo e o terceiro, en campo de ouro, tres espadas de azur; variante preferida polos de Salceda de Caselas. Outro escudo cuarteado onde o primeiro e o cuarto levan, en campo de ouro, tres paos de azur e o segundo e o terceiro, en campo de goles, tres espadas de ouro, postas en situación de faixa; variante preferida pola casa de Redondela. Outra leva, en campo de azur, un ramo de ouro e tres faixas de prata ondeadas en punta; variante preferida polos Aballe de Cambados.