abella

abella

(

  1. s f [ANIMAL/ENTOM]

    Insecto da orde dos himenópteros con dous pares de ás, transparentes e con poucas veas; o primeiro, de maior tamaño, está enganchado ao segundo. As pezas bucais están compostas por mandíbulas reducidas e unha glosa moi longa especializada na succión de nectar. O corpo está ateigado de pelos plumosos que facilitan que o pole recubra o animal; o pole é logo cepillado polas patas anteriores e transpasado aos tarsos, planos e con pelos longos e ríxidos, das patas posteriores onde se acumula en forma de pelotiña. Tanto os adultos coma as larvas aliméntanse unicamente do pole que recollen e do mel que elaboran principalmente a partir do néctar. As abellas son importantes axentes polinizadores de plantas con flor, nas que os pétalos coloreados serven como indicadores do néctar, segregado especialmente para atraelas. Case que todas as abellas teñen unha coloración vistosa, combinando amarelos, laranxas ou vermellos, que avisa aos animais insectívoros da presenza dun aguillón velenoso. Insectos doutras ordes, como dípteros e coleópteros, mimetizan este deseño co que se benefician ao seren rexeitados por gran número de depredadores.

  2. abella cariamarela [ANIMAL/ENTOM]

    Abella do xénero Prosopis de menos dun centímetro, negra e coa cara amarela, de vida solitaria que fai niños pequenos en caniñas ocas.

  3. abella doméstica [ANIMAL/ENTOM]

    Abella duns 15 mm de tonalidade xeral castaña. É un dos insectos máis coñecidos ao ser o único realmente domesticado( apicultura). Forma comunidades moi numerosas que chegan ata os 60.000 individuos, nun habitáculo chamado trobo. Nel fabrican favos verticais de celas hexagonais coa cera que segregan os seus aneis abdominais, onde acumulan mel ou pole para a cría das larvas. Cómpre distinguir tres tipos ou castes diferentes: a raíña ou abella mestra, as obreiras e os abellóns. As larvas destinadas a seren raíñas atópanse en celas especiais pendurantes e alongadas e son alimentadas polas obreiras cunha substancia especial, rica en proteínas, chamada xelea real. A raíña, única femia fértil do enxame, é a que se encarga da reprodución; cando nunha colmea existe unha segunda raíña, esta marcha con parte da colonia para fundar outra colmea. As obreiras, femias estériles que non chegan a desenvolverse totalmente ao recibir só a xelea real durante os primeiros días, encárganse de case todas as tarefas da colonia. Durante os primeiros días como imago, realizan distintas tarefas: coidado das larvas, limpeza do interior dos favos, vixilancia da entrada e refrixeración do interior co bater de ás (ante o risco que supón para a cera as altas temperaturas do verán). Despois aventúranse como prospectoras fóra da colmea; as abellas que retornan á colonia logo de atoparen unha boa fonte de flores comunican, mediante unha complexa danza, a distancia a que se atopa esta fonte e a dirección respecto ao sol. Os abellóns, machos fértiles, aparecen na colmea só na primavera, e un deles fecunda a raíña durante o voo nupcial.

  4. abella furadora [ANIMAL/ENTOM]

    Abella do xénero Andrena de glosas curtas e abdome aplanado de vida solitaria que aniña nun tobo escabado por ela en terreo areoso.

  5. abella oleira [ANIMAL/ENTOM]

    Abella do xénero Chalicodoma que fabrica o niño con lama.

  6. abella seitureira [ANIMAL/ENTOM]

    Abella do xénero Megachile de vida solitaria que recobre as celas con anacos de follas que ela mesma corta, especialmente das roseiras.

  7. s f [ETN/MIT]

    A tradición popular afirma que as ánimas volven á terra en forma de abella, de aí a crenza galega na mala sorte que produce matar un destes insectos.

    Confrontacións: abellón.

Frases feitas

  • Quen mata unha abella ten cen (ou sete) anos de pena.

Refráns

  • A abella e a ovella en abril deixan a pelexa.
  • O que mata unha abella ten cen anos de pena.
  • Onde hai abellas hai o mel delas.
  • Se queres ter abellas, míraas polas Candeas; e, se queres ter mel, míraas polo san Miguel.

Palabras veciñas

abeliano -na | abelita | Abell, Kjeld | abella | Abella | Abella | Abella