aberración

aberración

(< lat aberratiōne < lat aberrāre ‘afastarse, extraviarse’)

  1. s f

    Desviación do que está considerado como normal ou natural por un sistema moral establecido.

    Ex: Os xenocidios, as guerras, as deportacións e a limpeza étnica dos territorios son, xunto coas restantes violacións dos dereitos humanos, aberracións.

    Confrontacións: anormalidade.
  2. s f [MAT]

    Singularidade que se presenta cando os valores obtidos dun conxunto de observacións dunha magnitude distan ostensiblemente do valor medio obtido co total das observacións.

  3. s f [IND/ARTE]

    Distorsión da cor ou da forma nunha imaxe fotográfica causada por un obxectivo. Estas alteracións poden ser corrixidas por obxectivos compostos ou mediante o emprego dunha pequena abertura.

  4. aberración acústica [FÍS]

    Alteración que experimenta a frecuencia das ondas sonoras cando o punto emisor se achega ou se afasta do receptor. É un caso particular do efecto Doppler .

  5. [FÍS]
    1. s f

      Nun sistema óptico, discrepancia entre a imaxe real e a preeditada polas fórmulas habituais.

    2. aberración cromática/de refranxibilidade

      Aberración dos sistemas dióptricos (lentes) que proxecta unha coloración ou irisación nos bordos da imaxe. A distancia focal dun lente depende do índice de refracción, e este da lonxitude de onda da luz incidente; se esta luz non é monocromática, o lente forma un certo número de imaxes de cores diversas. Combinando lentes convexas e cóncavas de materiais diferentes, conséguense sistemas de lentes de aberración cromática nula para dúas das cores do espectro e moi reducida para todas as outras (lente acromática).

    3. aberración xeométrica

      Aberración que ten a súa orixe na forma da superficie do dióptrico ou na maneira de incidir o feixe luminoso sobre o dióptrico, que se produce tamén con luz monocromática (astigmatismo, distorsión, aberración de esfericidade e aberración de curvatura).

  6. aberración cromosómica [XEN]

    Anomalía no número ou na estrutura normal dos cromosomas. Na especie humana, afecta a 1 de cada 150 neonatos vivos. Non obstante , o 90 por cento dos fetos portadores de aberracións cromosómicas graves non son viables e pérdense de xeito espontáneo. Entre as anomalías numéricas cómpre destacar as trisomías autosómicas (síndrome de Down ou trisomía 21, síndrome de Patau ou trisomía 13 e síndrome de Edwards ou trisomía 18), as trisomías gonosómicas (síndrome de Klinefelter ou trisomía XXY, trisomía XXX e trisomía XYY) e a monosomía gonosómica X0 ou síndrome de Turner; as monosomías autosómicas son inviables. Doutra banda, as aberracións estruturais inclúen unha serie de síndromes asociados á deleción, á traslocación, á duplicación e á inversión cromosómicas.

  7. aberración lumínica [ASTRON]

    Fenómeno polo cal a dirección aparente en que ollamos un astro é diferente da dirección real, a que se pode determinar unindo imaxinariamente o astro e a Terra no instante da observación. Prodúcese porque a Terra, e o observador que está nela, se moven a unha velocidade que non se pode ignorar respecto ao valor finito da velocidade da luz. Os diferentes movementos dun observador solidario con respecto á Terra determinan as diferentes aberracións. Así, o movemento co conxunto do sistema solar determina a aberración secular e o movemento de rotación ao redor do eixe terrestre determina a aberración diurna; pero a de maior importancia é a aberración anual debida ao movemento de translación da Terra ao redor do Sol.