abstracto -ta
(< lat tardío abstractu ‘abstracto, incorpóreo’)
-
p irreg
de abstraer.
-
adx
Que é resultado da abstracción.
Ex: As súas pinturas amosaban un espírito abstracto.
-
adx
Que emprega as abstraccións.
Ex: O predicador da miña parroquia é moi abstracto nos seus sermóns.
-
adx
Que se amosa absorto.
-
adx
Calidade do que non é concreto.
Ex: Os teus razoamentos sonche moi abstractos, non presentan fundamentos.
-
adx
[FILOS]
Característica aplicada a unha noción considerada separadamente das representacións nas cales é dada.
-
arte abstracta
[ARTE]
Por contraposición coa arte denominada figurativa, é aquela que non pretende a representación visual da realidade. Desenvólveuse durante o século XX, de xeito sincrónico en diferentes países europeos, aínda que xa se recollen exemplos temperáns, como os mosaicos de Gaudí (dende 1889), as pinturas do lituano Čiurlionis (1904) e os debuxos da checa Schaeffner (1905). Considérase que a arte abstracta se define nidiamente despois do 1910, partindo da experiencia de V. Kandinski. Dende entón a abstracción pasou por unha serie de grupos, escolas e teorías diferentes: lucismo, suprematismo, construtivismo, neoplasticismo, orfismo, informalismo, gestaltismo, pop art, arte cinética, e outras. Kandinski, de orixe rusa, estende dende Alemaña a abstracción, influíndo no suízo P. Klee e o húngaro L. Moholy-Nagy. A Bauhaus será o principal núcleo e movemento difusor da arte abstracta. En Francia, os pintores cubistas R. Delaunay, F. Picabia e o checo F. Kupka pasaron ao redor de 1913 do cubismo ao orfismo; simultaneamente, o pintor ucrainiano K. S. Malevič desenvolvía o suprematismo. En Rusia destacan M. Larionov, creador do lucismo (rayonmisme) (1911), o ucrainiano K. S. Malevič, creador do suprematismo (1915), V. Tatlin, iniciador do construtivismo (1914) e A. Rodčenko, inscrito no non-obxetivismo. Nos Países Baixos cómpre destacar a figura de P. Mondrian, considerado pai do neoplasticismo e alma do movemento De-Stijl (1912). A pintura europea do período de entreguerras mundiais estivo dominada polos pintores abstractos; entre outros, cabe citar a W. Baumeister, E. W. Nay, H. Trier e Th. Werner. Cómpre, así mesmo, facer mención do movemento Action Painting, desenvolto nos EE UU, e do tachismo.
-
filme abstracto
[ARTE/ESPEC]
Filme caracterizado pola sucesión de formas gráficas non figurativas e narración non descritivista, a miúdo segundo o ritmo dunha banda sonora musical.
-
formas abstractas
[LING]
Segundo Bloomfield, formas de idéntica significación léxica que se usan en posicións sintácticas diferentes.
-
nome abstracto
[LING]
Por oposición a nome concreto, substantivo que designa un concepto obtido por abstracción mental (beleza, esperanza, amor, etc)
Frases feitas
-
En abstracto. Que non presenta relación coa realidade.