Acció Catalana
Movemento político catalanista creado no ano 1922 con elementos da Joventut Nacionalista da Lliga Regionalista, da Unió Federal Nacionalista Republicana e intelectuais independentes disconformes coa actuación da Lliga Regionalista, que cualificaban de pouco nacionalista. No verán de 1923 pactou cos nacionalistas vascos e galegos a Triple Alianza. Caída a Ditadura de Primo de Rivera, participou no pacto de San Sebastián (1930). En marzo de 1931, ao fusionarse con Acció Republicana de Catalunya, converteuse en Acció Catalana Republicana. Ao se proclamar a Segunda República Española (1931), un dos seus líderes, Lluís Nicolau d’Olwer, foi nomeado Ministro de Economía do Goberno Provisional presidido por Niceto Alcalá-Zamora, participando Acció Catalana na redacción do Estatuto de Autonomía de Catalunya. Acadou representación nas Cortes Españolas e foi integrante da Fronte Popular nas eleccións do 1936; durante a Guerra Civil Española formou parte dos gobernos de coalición da Generalitat de Catalunya.