Acción Gallega

Acción Gallega
[PUBLIC]

Cando se evoca a cabeceira desta revista, pese a que corresponde con outras publicacións menores de ultramar, hai que pensar, en primeirísima instancia, naquela publicación que aparecía en Madrid -outro ámbito máis próximo da emigración galega- o 15 de xaneiro de 1910. Pero esta revista lévanos, de modo ineludible, a un movemento, o movemento agrario e anticaciquil de idéntica denominación que o da revista, e a un persoeiro, o sacerdote axitador Basilio Álvarez, verbo aceso que dirixiu a publicación ao longo de toda a súa singradura. Acción Gallega, que leva como subtítulo “Revista quincenal, defensora de los intereses regionales”, naceu con vocación de combate agrario e mesmo se confirmou como portavoz do movemento, nela atopan eco todas as organizacións campesiñas de Galicia. Contou esta publicación con tres épocas ben diferentes, malia perseguírense en todas elas os mesmos obxectivos, os do movemento agrario Acción Gallega: A primeira época, de curta duración xa que se pechou en agosto do mesmo ano de saída, despois da II Asamblea Agraria de Monforte e do fracaso da Liga Agraria Redencionista, resulta intensa e plena de xestos radicais, na que colaboradores como Manuel Linares Rivas, Alfredo Vicenti, Portela Valladares, Prudencia Carnitrot, Luís A. de Olmet, Alfonso Alcalá, ou, esporadicamente, Manuel Murguía, Barcia Caballero, Casares Quiroga e outros, ocupáronse dunha nova visión de España, dos problemas forais, dos acontecementos resultantes das accións reivindicativas, do significado dunha conciencia galeguista e dos propios principios emancipadores e revolucionarios que predicaban as organizacións agrarias. Tampouco faltaron colaboracións literarias en galego de Castor Aira de la Barrera, César del Portón ou Curros Enríquez. Tamén colaborou, coa sección “Crónica Semanal. Palique”, como continuación da sección homónima da Revista Gallega, de Galo Salinas. A segunda época, coincidente co momento de indefinición dos movementos agrarios, naceu en outubro de 1911, para desaparecer no mesmo ano e dar paso á radicalización dunha terceira época, que se iniciaría en 1912 e se intensificaría en 1913. O aspecto máis significativo desta etapa foi a modificación do formato, maior tamaño, á maneira da maioría dos diarios da época, que se mantivo no seguinte periplo. A terceira época, en todo semellante á primeira, iníciase o 24 de outubro de 1912, para desaparecer, despois de fracasados intentos de se converter en diario, nos últimos meses de 1913. Nesta época, Basilio Álvarez contou, para o cargo de redactores xefes, sucesivamente, con López Aydillo, Alcalá Martín e Manuel Lustres Rivas. Se Acción Gallega constaba expresamente como órgano oficial da Liga Agraria de Acción Gallega, ese seu cometido, ao desaparecer, traspasoullo ao xornal ourensán Heraldo de Galicia para, desde novembro de 1913, corresponderlle tal función ao diario ourensán, dirixido por Manuel Lustres Rivas e inspirado por Basilio Álvarez, El Heraldo Gallego. Acción gallega aínda reaparecerá o primeiro de agosto de 1916, como folla incorporada a El Parlamentario de Antón de Olmet, para desaparecer definitivamente o 16 de novembro do mesmo ano. Con esta mesma cabeceira, por iniciativa dalgúns entusiastas simpatizantes de Basilio Álvarez, saíron na Habana algúns números durante o ano 1910. Así mesmo, en xuño de 1920, saíu en Bos Aires Acción Gallega, revista publicada pola vella Casa de Galicia, chegando a emitir un suplemento en Bahía Blanca. Nunha segunda etapa bonaerense, iniciada o ano 1927, había de ser esta revista o Órgano da Federación de Sociedades Gallegas nesta capital.