Acción Social
Revista bilingüe editada en Mondoñedo entre o 1 de novembro de 1918 e o 1 de agosto de 1930, cando chegaba ao seu número 279. Foi subtitulada “Revista quincenal, órgano del Centro de Acción Social Católica”. Dirixida por Antonio Maseda Bouso, actuaron como redactores-xefe Enrique Costas Márquez, Vicente Saavedra e Xosé Trapero Pardo. Tiña unha clara tendencia tradicionalista e incluía informacións sobre política, agricultura, leis, asuntos sociais, actualidade e novas da entidade. Colaboraron con ela Aurelio Ribalta, Rof Codina, Xoán Armada e Enrique Mª Santos, entre outros. Nunha das súas seccións, “Sección Literaria”, difundíanse textos en castelán e poemas en galego de Noriega Varela, Eduardo Lence-Santar, Xosé Mª da Fuente, e o himno agrario traducido ao galego de Rafael Martínez. Continuará o seu labor en Galicia social agraria.