Acheulense
(< Saint-Acheul)
Tecnocomplexo do Paleolítico inferior que toma o seu nome do xacemento de Saint-Acheul (Francia). O elemento que caracteriza este complexo técnico e a biface, unha nova peza lítica sobre núcleo que vén aumentar a variedade de tipos anteriores. A definición da biface como útil máis típico do Acheulense non é obstáculo para que continúen a aparecer seixos tallados nin para que existan outros tipos sobre núcleos (triedros e fendedores) ou para que se empreguen tamén as lascas. Coas bifaces do Acheulense pode falarse claramente da existencia dun modelo ou tipo homoxéneo que evoluciona ao longo dos varios milleiros de anos que dura o período: primeiro as protobifaces, talladas de xeito parcial mediante percusión directa, logo os tipos tallados polas dúas caras e finalmente, coa incorporación do percusor brando, os tipos máis longos e simétricos. Cronoloxicamente este período, que deriva do Olduvaiense, comprende a totalidade do Pleistoceno medio (700.000-120.000), desenvolvéndose á súa vez en Acheulense inferior (tamén chamado Chelense e sobre todo Abbevillense), Acheulense medio (incorpórase a técnica Levallois) e Acheulense superior (sendo o Micoquense unha variedade rexional moi perfeccionada) por causa do grao de perfeccionamento na confección das bifaces. Os diferentes utensilios de pedra que se empregan neste período parecen aludir a un número relativamente limitado de funcións: cortar, raspar e esmagar; en todo caso, é evidente que nin os seixos tallados nin as bifaces parecen operativas para practicar a caza de grandes mamíferos. En termos xerais o Acheulense pódese correlacionar coa especie Homo erectus; sen embargo, esa relación non é directa porque ese tipo humano non sempre aparece asociado cos complexos técnicos acheulenses. O Acheulense detectouse en diferentes lugares do Vello Continente, algúns dos máis importantes depósitos acheulenses son: Isenia, Olorgesailie ou Ternifine (África), Ubeidixa (Asia) e Ambrona, Terra Amata, Torralba ou Torre in Pietra (Europa). En Galicia o Acheulense aparece tanto nas bacías dos grandes ríos, sobre todo do Miño e mais os seus afluentes (Louro ou Arenteiro), coma no litoral cantábrico ou de xeito illado por outros puntos do país. No 1999 aínda era o único xacemento estudado con metodoloxía científica é o das Gándaras de Budiño (O Porriño), aínda que se coñecen outras localidades: Chan do Cereixo (Gondomar), Louselas (Ribadeo) ou Pazos (San Cibrao das Viñas). Os materiais atribuídos ao Acheulense están elaborados na maioría dos casos sobre seixos de orixe fluvial de cuarzo ou cuarcita, aínda que tamén poden ser diferentes as materias primas. Dende o punto de vista tipolóxico e tecnolóxico, pódese considerar que os materiais corresponden a un momento intermedio dentro da evolución do complexo técnico, aínda que a miúdo aparecen pezas de estilo arcaico como poden ser bifaces parciais ou protobifaces ou ben bifaces de tipo asimétrico talladas con percusor duro e mesmo fendedores de tipos tecnoloxicamente sinxelos. Malia unha vella polémica sobre o illamento e arcaísmo do Acheulense galego, iniciada por Aguirre en 1961, pódese afirmar que o Acheulense estaba presente en Galicia durante a glaciación do Riss, hai máis de 100.000 anos; sen embargo, nada impide que a primeira penetración humana en Galicia sexa anterior. Neste sentido, fronte á interpretación de Aguirre, quen atopaba contactos con depósitos arqueolóxicos chineses e norteafricanos, tanto Echaide como Vidal Encinas, entenden que as industrias galegas gardan unha gran semellanza coas das rexións veciñas, polo que non dubidan en falar dunha normalización das primeiras etapas da Prehistoria galega. Debido a estas semellanzas non é doado coñecer a procedencia dos primeiros seres humanos que chegaron a Galicia, se ben é probable que entrasen dende o sur da Península Ibérica, non se pode rexeitar a vía de penetración dende a Meseta.