aciñeiral

aciñeiral

(< aciñeira)

  1. s m

    Lugar poboado de aciñeiras.

  2. s m [BOT/XEOG]

    Comunidade vexetal onde a especie de árbore predominante é a aciñeira, cunha estrutura e distribución influída pola actividade humana (pastoreo, lumes, aproveitamento da madeira para leña ou carbón) e de aspecto similar aos sobredos, cos que coinciden xeograficamente e orixinan no suroeste da Península Ibérica formacións mixtas. Teñen unha cobertura elevada dando lugar a unha formación densa e sombriza con árbores de ata 10 m. Os aciñeirais ibéricos constitúen a mellor representación dos bosques planoesclerófilos mediterráneos. En Galicia constitúen formacións de alto valor ecolóxico e corolóxico e distínguense: aciñeirais mediterráneos en zonas baixas do país, caracterizados pola presencia no sotobosque de érbedos, carpazas, tomentelos, xilbarbeiras, troviscos e arzaias; e aciñeirais eurosiberianos en terreos calizos dos Ancares e o Courel, cun sotobosque onde están presentes acivros, sanguiños, abruñeiros.

Palabras veciñas

aciñal | acincho | aciñeira | aciñeiral | acinesia | acinestesia | Acineta