Aciveiro, mosteiro de Santa María

Aciveiro, mosteiro de Santa María

Mosteiro da parroquia de Aciveiro, Forcarei, pertencente á orde cisterciense. Foi fundado no ano 1135 co patrocinio de Afonso VII, que lle asignou a xurisdición dun enorme couto que manterá ata a desamortización de 1835. A extensión dos seus dominios durante toda a Idade Media abranguía o Candán, Acebeiro, Deza, Trasdeza, Tabeirós, etc, chegando ata os límites dos mosteiros de Melón e Oseira. A grande acumulación de bens que acada nos ss XIII-XIV converteuno nun dos máis importantes da Galicia medieval, pero a partir da centuria seguinte caerá baixo o control da casa de Ulloa, primeiro, e logo da de Altamira. Só a partir da reforma do Císter comezará de novo a recuperar o control económico ata o proceso desamortizador. Na actualidade consérvase a igrexa conventual, bo reflexo da sobriedade ornamental que caracteriza a arquitectura cisterciense. Cunha planta basilical de tres naves e tres ábsidas na cabeceira, interesa subliñar a presenza dun falso triforio ou galería, pouco empregado nas construcións galegas deste período. A igrexa comunícase co antigo claustro, hoxe desartellado, e o edificio conventual onde se conservan as diversas dependencias levantadas a partir do s XVI.

Palabras veciñas

Acisclo, santo | aciveiro | Aciveiro | Aciveiro, mosteiro de Santa María | aciviño | acivo | acivra