Acrópole de Atenas

Acrópole de Atenas

Parte máis elevada da antiga Atenas, situada nunha penichaira calcaria, a 100 m sobre o nivel da cidade. As orixes do establecemento humano na Acrópole remóntanse á época neolítica, pero é no período micénico cando se rodea de muralla por vez primeira (s XV a C). En tempos da invasión doria reconstruíuse a muralla con bloques ciclópeos: é o valado pelásxico, do que se conservan fragmentos. Durante a Segunda Guerra Médica (s V a C) os persas tomaron facilmente a praza destruíndoa. Coas ruínas Temístocles reconstruíu os muros, mercede ao cal conserváronse os restos da decoración do Partenón antigo e unha serie de estatuas, das que salientan as korai ou doncelas do estilo arcaico nas capas estratigráficas do denominado substrato persa. Na súa época de máximo esplendor (mediados do s V), Pericles fixo trasladar o tesouro da confederación de Delos a Atenas, dedicándose a construír con este fondo un conxunto monumental, del só conservamos restos, designando a Fidias director das obras. Os Propileos, gran pórtico de entrada, foron construídos por Mnesicles a partir do 437 e ficaron sen rematar por mor da Guerra do Peloponeso no 432; o corredor central estaba composto por dúas fachadas de seis columnas dóricas, paralelas, que enmarcaban un muro con cinco portas e un pasadizo con seis columnas xónicas. No seu costado estaba o templo da Atenea Niqué, unha pequena capela de estilo xónico, anfipróstila, erguida por Calícrates a partir do 432. Os Propileos daban entrada a unha planicie dominada especialmente por tres monumentos: a estatua de Atena Promacos, o Partenón e o Erecteion. A estatua, inaugurada no 454 e hoxe perdida, era obra de Fidias, estaba fabricada en bronce e tiña uns 15 metros de alto. O Partenón tal como o coñecemos na actualidade substituíu a outro templo máis antigo e non rematado que sufrira dúas reconstrucións. O centro de culto máis importante da Acrópole era o Erecteion, que conservaba as reliquias máis importantes dos deuses de Atenas, principalmente Atenea. A Acrópole retomou importancia militar no s XIV, trala conquista turca de Grecia. No 1802 o embaixador británico Thomas Bruce, conde de Elgin, foi autorizado a adquirir e trasladar ao Bristish Museum a maior parte das esculturas que aínda permanecían no Partenón e outras edificacións. No 1976 a UNESCO organizou unha campaña de recadación de fondos para a restauración da acrópole ateniense e o seu mantemento contra os efectos que sobre ela ten a gran cantidade de contaminantes producidos na capital da Grecia actual.

Palabras veciñas

acrópeto -ta | acropodio | acrópole | Acrópole de Atenas | acroquetiais | acroquirismo | acroscópico -ca