Actor’s Studio

Actor’s Studio

Centro de formación teatral creado en Nova York no 1947 por Elia Kazan, Robert Lewis e Cheryl Crawford, aos que se sumou dous anos despois Lee Strasberg, responsable do programa pedagóxico da escola e da elaboración do método, que suporía unha adaptación das teorías interpretativas de Konstantin Stanislavski. Alí formouse unha importante nómina de actores e actrices entre os que sobresaen Paul Newman, James Dean, Robert de Niro, Al Pacino, Dustin Hoffman, Marlon Brando, Montgomery Clift, Geraldine Page ou Shelley Winters. O método propuña unha escola cunha liña interpretativa a medio camiño entre o naturalismo e o realismo, baseada na memoria afectiva, na presenza física do actor e na introspección psicolóxica. Isto pode verse claramente reflectido no espectáculo Un tranvía chamado desexo, estreado en Broadway no 1947 e dirixido por Elia Kazan, con Marlon Brando no papel de Stanley Kowalski, a partir da peza homónima de Tennessee Williams.

Palabras veciñas

Acton, John Francis Edward | actor -ra | actor -triz | Actor’s Studio | ACTP | actriz | actuación