acueduto

acueduto

(< lat aquaeductu < aqua‘auga’ + ductum ‘conducir’)

  1. s m [CONSTR/ENX]

    Conduto artificial pechado, non prefabricado, utilizado para levar auga dun lugar a outro, normalmente en grandes cantidades. Distínguese polo tanto, da condución tipo canal, que é aberta, e da condución de tubo formada pola unión de tubos prefabricados. Dependendo da construción, o acueduto pode ser: con desmonte e cuberto, seguindo a liña do nivel hidrostático; con desmonte e cuberto, por debaixo do nivel hidrostático e, polo tanto, a presión; un túnel seguindo a liña do nivel hidrostático; e un túnel por debaixo do nivel hidrostático e, polo tanto, a presión. Na actualidade os acuedutos fanse de formigón; normalmente, a sección ten forma de ferradura, con fondo cóncavo, unha forma resistente, fácil de construír e que aforra material. O tipo túnel a presión faise de sección circular para acadar unha distribución da forza o máis uniforme posible. Dende a antigüidade existiron canalizacións para auga. Na antigüidade grega e helenística nace a tipoloxía clásica do acueduto. Tamén se poden incluír neste apartado os sinnors, túneles feitos para chegar aos pozos, das cidades cananeas e xudías. Pero foron sobre todo os romanos, dende o s I a C, quen desenvolveron a técnica construtiva do acueduto facendo pasar a canalización sobre arcos cando se facía preciso para salvar desniveis. Entre os máis importantes atópanse o de Segovia e o chamado Pont du Gard, nas proximidades de Nimes (Francia). Na actualidade en Galicia consérvanse restos de varias estruturas susceptibles de se vencellar con esta tipoloxía arquitectónica, os máis destacables en Lugo.

  2. s m [ANAT]

    Conduto polo que pasa un líquido orgánico, como o acueduto de Fallopio, o acueduto de Silvio, etc.

  3. s m [HERÁLD]

    Figura heráldica, formada por tres ordes de arcos sobrepostas.

  4. servidume de acueduto [DER]

    Dereito a facer pasar a auga que pertence a unha persoa polas terras dos veciños para levala á propia leira.

Palabras veciñas

acubrir | acucar | acudir | acueduto | acúfeno | acufonía | acugulado -da