acumulación

acumulación

(< acumular)

  1. s f

    Acción e efecto de acumular ou de acumularse.

    Ex: No faiado había unha enorme acumulación de po e de trastos vellos.

    Sinónimos: amontoamento, amoreamento.
  2. s f [ECON]

    Proceso de transformación dunha parte da plusvalía en capital, que constitúe a forza motriz do desenvolvemento capitalista. O proceso de acumulación así entendido é un dos eixos da investigación marxista en teoría económica. A competencia entre as empresas no mercado capitalista fai absolutamente preciso o progreso técnico, ou as innovacións como di J. A. Schumpeter. Polo tanto, a técnica do proceso de produción está sometida a constantes transformacións. Esta demanda de innovacións, que constitúe unha verdadeira necesidade social, esixe a acumulación de capitais. A orixe da acumulación radica na produción de plusvalía. Unha parte da plusvalía chega a ser capital adicional, acumulado para ampliar a produción mediante melloras tecnolóxicas. Todo aquilo que contribúe a aumentar a plusvalía favorece a acumulación, pero non toda a plusvalía é acumulada porque aí hai unha parte dedicada ao fondo de consumo persoal. O proceso de acumulación ten toda unha serie de consecuencias: posibilita o aumento constante da composición orgánica do capital e move o proceso de concentración e centralización do capital. Implica, tamén, un incremento da demanda de forza de traballo, que, en principio, causa un impacto á alza no nivel salarial. Esta suba esixe a introdución de maquinaria nova, a cal, esixe novamente, a acumulación de capitais. Neste punto comézase, outra vez, o proceso de acumulación.

  3. s f [QUÍM/MED]

    Fenómeno caracterizado pola persistencia no organismo dos efectos de determinados medicamentos, por mor da súa lenta eliminación. Esta acumulación pode ser tóxica.

  4. s f [XEOG]

    Depósito de materiais sedimentosos producidos pola erosión.

    Ex: A acumulación de area nas praias deu lugar ás dunas.

  5. acumulación de accións [DER]

    Exercicio nun mesmo proceso, por unha ou máis persoas, de diversas accións contra unha ou algunhas persoas. En determinados casos cómpre, para que acumulación sexa admisible, que as accións que son acumuladas deriven dun mesmo título ou sexan fundamentadas na mesma razón.

  6. acumulación de causas [DER]

    Reunión de dous ou máis procesos xa incoados que teñen entre eles un vencello xurídico substancial para constituír un só e ser resoltos na mesma sentencia. Xustifícase por motivos de economía procesal e para evitar decisións contraditorias.

  7. acumulación de expedientes [DER]

    Reunión de dous ou máis expedientes administrativos intimamente relacionados para conformar un só e seguir unha única tramitación.

  8. acumulación primitiva [ECON]

    Acumulación do capital, non fundamentada nas relacións de produción capitalistas, é dicir, que non ten a súa orixe na produción de plusvalía -que é un concepto e produto da orde económica capitalista. Marx denominouna primitiva ou orixinaria e Adam Smith previa. A acumulación primitiva é condición necesaria para o desenvolvemento do capitalismo.

  9. acumulación socialista [ECON]

    Proceso de transformación do excedente económico planificado en fondos de investimento dunha sociedade capitalista. É a diferenza entre o produto social formulado e o volume de consumo elixido.

  10. punto de acumulación [MAT]

    Punto non illado que pertence á adherencia dun conxunto de puntos.

Palabras veciñas

acúmetro | acuminado -da | acumulable | acumulación | acumulador -ra | acumular | acumulativo -va