Acuña

Acuña
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe toponímica. Non está clara a procedencia do nome de lugar Cuña que na antigüidade podía presentar as formas Cuiña, Cuina. Hai autores que pensan no latín culina ‘cociña’, aínda que tal hipótese parece pouco viable, xa que este étimo non se atesta na toponimia nin é propio dela. Algúns remóntano ao latín collina, aínda que de sufrir unha evolución normal o que teriamos sería colina (lat -ll- > gal -l-). Outros postulan unha orixe prerromana, a base preindoeuropea *kun/*kan ‘altura, outeiro’ da que proceden, segundo diversos estudiosos, certos topónimos franceses, alemáns, ingleses e sardos entre outros. Como apelido documéntase xa dende o s XV: “Fernando d’Acuña” (doc ano 1481, A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI de X. Ferro Couselo, I p 178).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe procedente, segundo algúns investigadores, da Acuña Alta, ao pé da serra da Estrela en Portugal, de onde vén o apelido, que estaría vencellado a Paio Froilán, infante de León, descendente de Froilán II. Polo matrimonio de Martiño Vázquez de Acuña, primeiro conde de València, con María, neta do rei Pedro I de Portugal, emparentou coa casa real portuguesa. Paio Froilán casou coa infanta leonesa Aldonza Ordóñez e o seu primoxénito Paio Páez foi un dos infantes de Carrión que había casar con Maior González. O fillo de ambos, Paio Gutierrez, casou en segundas nupcias con Usenda Hermíguez coa que tivo a Fernando Páez, futuro Afonso Henriques I, primeiro señor de Acuña Alta. Do seu fillo Lourenzo Fernández de Acuña descenden as casas nobres de Escalona e Ureña, matrices de moitos nobres con títulos e grandeza de España. Hai investigadores que manteñen que a familia Acuña se introduce en Galicia a partir do nomeamento de Fernando de Acuña como Xustiza Maior do Reino de Galicia por designación dos Reis Católicos de Castela e Aragón. Por último, segundo Sandoval, Bispo de Tui, e Diego Sarmiento de Acuña, I conde de Gondomar, a casa orixinaria desta familia estaría no Reino de Galicia. Os Acuña espalláronse por Italia e América e moitos cabaleiros ingresaron nas Ordes de Calatrava e Santiago a partir de 1524. A esta estirpe pertenceron o venerado san Paio e o I conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña. No s XV as liñas establecidas por Castela e Navarra deixaron o apelativo de Acuña e adoptaron os de Carrillo de Toledo, Pacheco, Peralta, Téllez-Girón e Fernández de Velasco. As armas dos Acuña levan, en campo de ouro, nove cuñas de azur coas puntas cara a abaixo, colocadas en tres faixas; bordo de prata con cinco escudiños de azur cargados con outros cinco bezantes de prata, que son as armas reais de Portugal. Destacan como armas desta liñaxe nove cuñas de azur, en campo de ouro, colocadas en tres paos. A rama valenciana presenta, en campo de sable, unha banda de ouro cargada no centro dun escudiño sobrecargado, á súa vez, cunha cruz flordelisada de prata e aos lados leva, nove cuñas de azur, cinco á dereita e catro á esquerda; bordo de prata con cinco escudiños de azur cargados cada un con cinco bezantes de prata postos en aspa.