acústico -ca

acústico -ca

(< grάκουστικόΣ)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao sentido ou ao órgano do oído, á ciencia dos sons.

    Ex: Nervio acústico. Impresións acústicas.

  2. s f

    Conxunto de calidades dun lugar ou dun local no que se produce a propagación do son.

    Ex: Ter boa ou mala acústica unha sala.

  3. s f [FÍS]

    Parte da física relativa ao son. A acústica converteuse en síntese de disciplinas científicas moi diferentes e ten unha importancia decisiva en dominios moi diversos: fisioloxía do oído, música, fonética acústica, arquitectura, electroacústica (aparellos emisores, rexistradores e reprodutores de son), bioacústica (sinais sonoros dos animais), acústica submarina (determinación da fondura dos océanos), contaminación sonora industrial e urbana, etc. O estudo do son remóntase ás orixes da ciencia. Pitágoras (s VI a C) realizou xa experiencias acústicas e estudiou os sons producidos polas vibracións das cordas de tripa de diferentes longuras. Séneca atribuíu a transmisión dos sons á elasticidade do aire. A comezos do XVII, Bacon e Galileo estableceron os alicerces da acústica e, un século máis tarde, B. Taylor, D. Bernouilli, Euler e D’Alembert fixeron estudios teóricos sobre as cordas vibrantes. Pero foi Helmholtz quen, no XIX, combinou fisioloxía e física para estudar o son como o estímulo indutor dunha sensación psicofísica e elabourou a primeira teoría sobre a audición. Máis tarde, Rayleigh estableceu unha teoría bastante completa sobre a produción e a propagación do son. O desenvolvemento do fonógrafo, teléfono e gramófono impulsou definitivamente a tecnoloxía acústica. Por outra banda, a psicoacústica fundaméntase nos traballos de Fechner (1860), Weber e Bray, quen demostraron que a sensación do son era debida á transmisión dun sinal eléctrico polo nervio acústico. O son é un fenómeno vibratorio consistente na propagación dunha perturbación nun medio material e provén da vibración dun corpo ou dunha fonte sonora no seo dun medio elástico (un gas, a auga, o aceiro, etc) que xeralmente é o aire. A vibración da fonte sonora orixina desprazamentos oscilatorios das posicións de equilibrio das partículas do medio que a envolven. Como consecuencia da elasticidade do medio, estas vibracións vanse transmitindo progresivamente en todas as direccións e resulta unha variación oscilatoria, xeralmente periódica, da densidade do medio en cada punto, ou das tensións internas se se trata dun medio ríxido, fenómeno que se manifesta en forma de onda de presión. A onda está caracterizada pola frecuencia fundamental, pola amplitude ou pola alongación máxima da vibración e do timbre, determinado polo número e intensidade relativas dos harmónicos da frecuencia fundamental que aí están presentes. Para unha certa onda, a natureza e temperatura do medio determinan a velocidade de propagación; a 20°C o son propágase no aire a 344 m/sg. A intensidade do son é unha medida da enerxía transmitida pola propagación da onda. Dáse polo fluxo de enerxía que atravesa por unidade de tempo a unidade de superficie perpendicular á dirección de propagación, e é medida en W/cm. Na práctica exprésase en decibelios. A onda sonora captada polo pavillón auditivo e guiada polo conduto auditivo (oído externo) fai vibrar a membrana do tímpano, e a través da cadea articulada dos ósos (oído medio), onde estas vibracións se amplifican e reforzan, o son concéntrase sobre a fiestra oval, e orixina ondas de presión nos órganos do oído interno que removen as pestanas das células sensoriais auditivas. Esta excitación desencadea un potencial de acción que, a través do nervio coclear, se transmite aos centros acústicos do cerebro (audición). A audibilidade do oído humano permite clasificar os sons en tres grupos: os infrasóns (frecuencias inferiores a 20 Hz), a gama audible (entre 15 e 15.000 Hz) e os ultrasóns (por enriba de 20.000 Hz). Fóra destes tres grupos, están os macrosóns ou sons de moi alta intensidade.

  4. s f [INFORM]

    Pista de audio que forma parte dun produto multimedia e que combina coas imaxes ás que vai unida.

  5. s f [LING/FILOL]

    Parte da fonética experimental, que recibe a miúdo o nome de xenémica, que estudia as ondas producidas ou relacionadas con calquera feito lingüístico, para analizar os seus elementos distintivos.

  6. acústica das salas [ARQUIT]

    Técnica que ten por obxecto construír salas que teñan unha sonoridade adecuada para o seu obxecto. O americano Sabine descubriu en 1890 a importancia do período de reverberación do son para que este sexa comprensible. Os tempos de reverberación veñen determinados polo comportamento do son directo e indirecto, a forma e o contido do recinto, a natureza das súas paredes e das inmediacións. A relación entre o son directo e o son indirecto determina a aptitude acústica dos locais para a palabra ou para a música.

  7. sala acústica

    Sala de boas condicións acústicas.

Palabras veciñas

acusativo -va | acusatorio -ria | acusón -na | acústico -ca | acut(i)- | acut- | acutangular