Adán

Adán

(

Segundo o relato bíblico, que inspira as tres relixións monoteístas -Xudaísmo, Cristianismo e Islam-, Adán é o nome do primeiro home e, polo tanto, do antecesor da Humanidade. Da narración da Xénese despréndese que foi creado por Deus no sexto día da Creación a imaxe e semellanza súa, que lle outorgou poder sobre o resto da Creación e que lle infundiu unha alma -“Deus formou un home do po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva” (Xénese, 2, 7)-. Así mesmo, Deus colocou a Adán nun xardín de delicias, o Paraíso terreal ou Edén, para que gozase del; sen embargo, foi expulsado del -xunto coa súa compañeira Eva- por comer do froito da prohibida árbore do ben e do mal. A expulsión de Adán e Eva do paraíso supuxo que a Humanidade quedase suxeita ao traballo, para satisfacer as súas necesidades, ás enfermidades e á morte. Non obstante, neste relato hai unha serie de feitos que foron obxecto de numerosas controversias entre os teólogos da tradición cristiá; así, a súa figura foi analizada nos escritos apócrifos do s I (chamados Libros de Adán) e por Filón de Alexandría, quen distinguía en Adán entre un ser inferior, absorbido polos instintos de procreación e conservación, e outro superior, o home auténtico, a quen Deus dera unha opción moral. Así mesmo, a lectura do relato da Creación motivou numerosas e variadas revisións esexéticas. A máis antiga, completamente literalista e antropomórfica -Deus pode modelar ou soprar-, foi a que sancionou o Concilio de Trento, na que Deus creou a Adán (home) a partir da lama e formou a Eva (muller) cunha das costelas que lle sacara a Adán mentres durmía. Unha segunda interpretación, comezou a introducir a idea de que o relato bíblico podía obedecer a unha alegoría e que algúns dos seus versículos ou contidos fosen plenamente metafóricos. A nova interpretación da Xénese, que parte da Epístola aos Corintios de san Paulo, céntrase nunha Igrexa cristolóxica (na que ten un papel axiolóxico a figura de Cristo en tanto que fonte de vida), ben distinta da Igrexa á adámica (estruturada en torno á figura de Adán en tanto que fonte de pecado) que defendera o Concilio de Trento. Por esta razón, a partir dese momento, Adán pasa a designar a Humanidade e xa non só o home particular. Así, a teoloxía feminista e da liberación manifesta que a idea que se quería transmitir coa metáfora da costela de Adán non era a de subordinación e opresión do feminino polo masculino, senón de igualdade (a súa materia é a mesma, polo tanto, son iguais); a metáfora da lama da terra, para estes modernos eséxetas buscaría identificar a Humanidade como colectivo, intimamente vencellado á Terra Nai e á defensa dos valores ecolóxicos. Durante moito tempo, nos países de tradición cristiá, esta foi a   explicación máis común da nosa orixe como especie. Non obstante , o darwinismo, que achega unha explicación científica da formación e evolución da Humanidade, significou o inicio da reacción ao polixenismo adámico do s XIX e anteriores, que mantiña que cada raza humana procedía dun Adán diferenciado, e provocou a necesidade de elaborar unha doutrina filosófica cristiá adaptada aos novos datos da ciencia. Por esta razón, nos países de influencia católica a antropoloxía evolutiva estivo fortemente limitada por razóns teolóxicas e filosóficas, derivadas dunha serie de preguntas sobre o corpo do primeiro ser humano do tipo “pode proceder por evolución o corpo humano dun corpo animal?”, “pode un ser humano chamar pai a un animal?”, etc. O desenvolvemento no Concilio Vaticano II dunha doutrina católica non alicerzada no pecado orixinal e a difusión de filosofías vitalistas (Bergson e outros), permitiron a elaboración dun corpo doutrinal que conxugaba Creación e Evolución nun mesmo discurso científico, como reflicte a obra de Teilhard de Chardin, Crusafont, Marcozzi e, en xeral, dos finalistas. No mundo anglosaxón, alén do uso metafórico, evidenciado en títulos como Adam’s ancestors (Antes de Adán, 1934) de L.S.B. Leakey ou Tralas pegadas de Adán (1960) de Wendt ou na denominación dada polos bioquímicos á hipotética muller africana da que procedería a totalidade da humanidade, ( Eva mitocondrial ou Eva negra), a figura de Adán segue a ser obxecto de controversia. Neste sentido, certos círculos cristiáns integristas, fundamentalmente nos conservadores EE UU da década do 1980, artellaron o creacionismo científico en tanto que doutrina científica que demostra a validez e exactitude de todas as narracións bíblicas, incluído o relato adámico, nun intento de reelaboración moderna dun mito sobre as orixes. En canto ás manifestacións literarias, a figura de Adán, ademais de ser central nos escritos bíblicos apócrifos do s I (Libros de Adán), recóllese abondosamente ao longo da Idade Media, sobre todo, nos misterios como o Repouso de Adán (1150-1170) e na primeira redacción do poema armenio “Adamgirkh (Libro de Adán, 1401). Autores barrocos, como Lope de Vega ou John Milton, empregaron o tema de Adán ao longo do s XVII. Así mesmo, autores como Friedrich Klopstock, Imre Madach, Jack London ou Mark Twain escribiron obras nas que o tema central era a figura de Adán. Con respecto á arte, cómpre salientar que a figura de Adán, que durante moito tempo foi unha das poucas posibilidades de representación oficial do espido masculino, comeza a ser representada na escultura paleocristiá e na escultura e pintura románicas. Despois desta época son moitas as obras artísticas que reproducen a figura de Adán, entre outras cómpre salientar as estatuas da catedral de París, os baixos relevos de Iacopo della Quercia, frescos de Masaccio, pinturas de van Eyck, van der Goes, Albert Dürer e Miguel Anxo.

Palabras veciñas

Adamuz | adán | Adán | Adán | Adán Arias, José Carlos | adān* | Adán, Juan