Adolfo Domínguez

Adolfo Domínguez

As orixes do grupo empresarial remóntanse á xastrería que o seu pai estableceu en Ourense a mediados deste século. En 1973 abriu a súa primeira tenda en Ourense e, en 1976 constitúe, xunto cos seus fillos, a sociedade familiar denominada nos seus inicios Adolfo Domínguez e Hijos SL. dedicada á confección de traxes para home. No 1979, Adolfo Domínguez, baixo a campaña publicitaria La arruga es bella, situouse á fronte da renovación do sector en España ao darlle pulo a unha tendencia prêt-à-porter urbana no segmento medio-alto da moda. No 1982 abriu as primeiras tendas en Madrid e Barcelona e en 1985 presentou a primeira colección feminina en París; iniciouse así a expansión internacional da empresa (Londres, Toquio e outros). A finais do 1989, Adolfo Domínguez creou unha liña de perfumería para home e outra para muller. A súa actividade empresarial abrangue o deseño, a produción e a distribución nunha extensa rede de tendas propias e franquiciadas. En 1997, a empresa sae en Bolsa. Adolfo Domínguez SA é a sociedade matriz dun conxunto de sociedades subsidiarias que se atopan espalladas por países dos tres continentes: entre outros, Francia, Gran Bretaña, Portugal, Xapón e México.