adsorción
(< adsorber)
Proceso de equilibrio consistente na adhesión dos átomos ou moléculas dun material (adsorbado) sobre a superficie de outro (adsorbente), é dicir, na súa concentración na interficie a causa do campo de forzas residuais existente na superficie dos sólidos e dos líquidos. Foi constatada experimentalmente por Fontana (1777), e Kayser propuxo o termo (1881). Segundo as súas características enerxéticas e cinéticas son definidos dous tipos de adsorción: a adsorción física e a adsorción química. A adsorción física presenta enerxías de enlace pequenas (tipo forzas de Van der Waals). É rápida, e facilmente reversible. A adsorción química ofrece enerxías de enlace superiores, a causa das transferencias de electróns entre o adsorbado e o adsorbente. É lenta e, ás veces, dificilmente reversible. Segundo a natureza da interficie establécense cinco tipos de adsorción: gas-sólido, líquido-sólido, gas-líquido, líquido-líquido e sólido-sólido. As adsorcións máis estudiadas e empregadas son a adsorción de gases por sólidos e a de líquidos por sólidos, ámbalas dúas de ampla aplicación industrial. A adsorción química está intimamente relacionada coa catálise heteroxénea, e a adsorción física coas técnicas de caracterización de sólidos catalíticos, porosos ou finamente divididos (pigmentos). En equilibrio, a cantidade adsorbida por un sistema adsorbado-adsorbente, é sempre función da presión e da temperatura. Ao manter constante a presión, obtense a isobara e ao manter constante a temperatura, a isoterma.