aequivocatio*

aequivocatio*
s f [LIT]

Figura retórica que vén determinada polo xogo homofónico da identidade formal dun termo repetido, empregado con diferentes significados. É un recurso utilizado en máis da cuarta parte do cancioneiro satírico galego-portugués, que recolle as cantigas de escarnio e maldicir, onde a sátira aguda se esconde empregando palabras con dobre sentido. En principio, a diferenza entre estes dous tipos de composición radica precisamente na funcionalidade deste fenómeno. Segundo a Arte de trobar, as cantigas de maldicir representan o ataque directo, mentres que nas cantigas de escarnio a sátira se encobre empregando palabras con dobre sentido (“palavras cubertas que ajã dous entendymentos”), unha técnica xa coñecida polos clérigos co nome de hequivocatio. Nas cantigas de temática erótico-sexual, un mesmo termo ofrece dobre interpretación: unha literal e outra metafórica, tendo esta última claras connotacións obscenas. Así, madeira nova ou maeta aluden, respectivamente, ao sexo masculino e ao feminino. Algo similar sucede co emprego de palabras relativas á loita e ao combate para facer referencia ao acto sexual. Noutras ocasións, a aequivocatio perfílase a través do xogo de palabras ou do calembur, que se sustenta no dobre sentido que pode ter un mesmo sintagma segundo as pausas sintácticas que se fagan na lectura, o que contribúe a enriquecer o léxico deste xénero. Por exemplo, na secuencia “capa velh’ Elvyra de Pedr’ Amigo de Sevilha, o adxectivo pode cualificar tanto a capa como a muller.