África, Guerra de

África, Guerra de
  1. [HIST]

    Guerra entre España e Marrocos acontecida entre os anos 1859 e 1860. O´Donell, na súa política expansionista, proxectou espertar o espírito patriótico ao tempo que consolidaba a presenza española no Norte de Africa. Interesáballe tamén reforzar o réxime da Unión Liberal e contentar o exército ao tempo que o mantiña ocupado. Na sesión das Cortes do 1 de outubro do 1859 decretouse unha quinta extraordinaria de 50.000 homes, o 24 declarouselle a guerra, a raíz da destrución por parte dos rifeños dunhas fortificacións en Ceuta. As operacións comezaron cunha marcha dende Ceuta cara a Tetuán; no seu transcurso tiveron lugar as batallas de Castillejos (xaneiro), Tetuán (febreiro) e Wad-Ras (marzo). Tetuán acabou por renderse e asinou o tratado de paz o 26 de abril. O aparente éxito da guerra trouxo consigo os premios: reparto de títulos de Grandeza de España e ascensos militares. A Igrexa galega apoiou sen reparos a guerra, metamorfoseándoa nunha cruzada contra o mouro. A pastoral do Cardeal García Cuesta de decembro de 1859 incitaba a levar co Cristianismo a civilización e os eternos principios da xustiza e do dereito católicos ás salvaxes tribos africanas.

  2. [MIT]

    Existe en Galicia unha tradición que mantén que durante a Guerra de África os mouros reclamaron o monte de Paralaia, a fonte de Senebal e a serra de Coiro argumentando que nestes lugares posuían dende antigo minas de ouro. É moi posible que a crenza nacera dunha confusión entre o epíteto aplicado adoito aos magrebís e aos mouros da mitoloxía galega.