africáner

africáner

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos africáners.

  2. s [ETN]

    Pobo de Sudáfrica, tamén chamado bóer (boeren en neerlandés), formado polos descendentes dos campesiños procedentes dos Países Baixos e establecidos no cabo da Boa Esperanza a partir de 1652 pola Compañía Holandesa das Indias Orientais. A partir de 1685 (abrogación do edicto de Nantes) recibiron o reforzo de moitos hugonotes franceses que fuxiran ás Provincias Unidas. A raíz da conquista británica, unha gran parte dos africáners comezou o proceso de penetración máis aló do Oranxe e do Vaal, onde constituíron diversos estados republicanos (Graaf-Reynet, Natal, Lyndenburg, Utrecht, Stellaland, etc). As dúas repúblicas do Transvaal (Lydenburg e Utrecht), creadas en torno ao 1850, uníronse no 1860 para formar a República de Sudáfrica, que de 1881 a 1884 adoptou o nome de Transvaal; en 1902, derrotada na guerra anglo-bóer, pasou á coroa británica. A poboación africáner conservou as características dun pobo fortemente campesiño, a súa relixión calvinista e a súa lingua afrikaans.