Afrodita

Afrodita
[MITOL/RELIX]

Deusa grega da beleza, do amor e da fecundidade. De orixe oriental, pode estar relacionada coa Astarte fenicia e a Istar asiria. Segundo a tradición da Iliada, era filla de Zeus e de Dione; segundo a de Hesíodo, naceu da escuma mariña. Foi esposa de Hefaístos. Da súa unión con Ares naceron Eros e Anteros, e da súa relación con Hermes xurdiu Hermafrodita. Eneas era fillo de Afrodita e do troiano Anquises. O mito dos seus amores con Adonis é de orixe oriental. Foi venerada en moitos santuarios gregos. A divindade itálica de Venus foi asimilada a Afrodita, que no ámbito da mitoloxía xermánica, corresponde a Frigg. Na arte oriental máis antiga aparece vestida, e a partir do s IV a C a escultura grega preséntaa núa ou a medio vestir. As máis famosas son a Afrodita de Cnidos, de Praxíteles, e a Afrodita de Melos, tamén chamada Venus de Milo (s II a C). Na arte helenística aparece a miúdo representada saíndo da auga. Na Idade Media aparece vestida en pintores profanos de Alemaña. Durante o Renacemento, Botticelli, Rafael, Correggio e outros trataron temas relacionados con esta figura, ben representados por Rubens durante o Barroco.

Palabras veciñas

afrodisia | Afrodisia | afrodisíaco -ca | Afrodita | afrodítido | afroitado -da | afrómetro