Agália

Agália
[PUBLIC]

Revista da Associaçom Galega da Língua. Case 7000 páxinas e catorce anos de edición ininterrompida fan da Agália un exemplo case singular no panorama das revistas galegas, como defensora da norma de AGAL ou doutras normas cultas do sistema lingüístico galego-portugués. Dirixida pola Profª Drª Mª do Carmo Henríquez Salido, forman parte do seu conselho de redacçom, Isaac Alonso Estravís, José R. Chantada Acosta, Óscar Díaz Fouces, Carlos Garrido, Jenaro Marinhas del Valle, César Morám Fraga, J. Carlos Quiroga, Joám C. Rábade Castinheira, Henrique Rabunhal Corgo, José Luís Rodríguez Fernández e José A. Souto Cabo. Desde o seu primeiro número (1985) a revista aspira a ser unha publicación cultural galega non especializada e destinada aos galegos e aos outros membros da nosa comunidade lingüística galego-portuguesa. Agália defende e difunde o idearium da propia AGAL, combinando nacionalismo e reintegracionismo desde Manuel Murguía a Rafael Dieste ou Castelao ata o citado Carvalho Calero ou Marinhas del Valle. A revista está organizada en cinco seccións básicas: “Estudos”, “Notas”, “Antologia” que permite ler textos de creación de autores da nosa literatura como Carvalho Calero, Guerra da Cal, Marinhas del Valle, Manuel Lourenço, César Cunqueiro, Avilés de Taramancos, José Mª Álvarez Cáccamo, Fernám-Velho, Gil Hernández, Xavier Seoane e Henrique Rabunhal, entre outros, “Documentaçom” e “Informaçom”, que conteñen datos sobre as actividades da AGAL e “Recensons”, apartado dedicado para o crítica das últimas novidades bibliográficas. Virtualmente poden aparecer outras como “Correio”, “Livros Recebidos” ou “In memoriam”. Agália ten editados neste momento 55 números ordinarios (edita catro números cada ano, un coincidindo con cada estación) aos que hai que sumar dous monográficos: o que coordinou Cláudio Lôpez Garrido en 1987 sobre o sector lácteo e o dirixido por Joám Carmona en 1989 sobre historia económica galega. Dos 54 números ordinarios algúns tamén foron consagrados ao estudo dalgunha personalidade: así a Lugrís Freire (nº23, 1990), Álvaro Cunqueiro (nº25, 1991), Carvalho Calero (nº29, 1992), Marinhas del Valle (nº32, 1992), Blanco Amor (nº33, 1993), Guerra da Cal (nº39, 1994), Joan Coromines (nº48, 1996) e Paz Andrade (nº51, 1997). Nas páxinas da revista teñen publicados traballos moitos pensadores, políticos, filólogos, economistas, escritores e profesores: Celso Álvarez. Cáccamo, Claudio Rodríguez Fer, Carlos Velasco, Montero Santalha, Bernárdez Vilar, Domingos Prieto, J. Cristovo Angueira, Narciso de Gabriel, Kathleen March, Francisco Pillado, Xosé L. Barreiro, Varela Punhal, Gil Hernández, Fernández Leiceaga, José C. Quiroga, Henrique Telho, Joám C. Rábade, Henríquez Salido, López Garrido, Carvalho Calero, Henrique Rabunhal, Rodrigues Lapa, Carlos Durám, Elvira Souto, Luísa Villalta, Mª Xosé Queizán e Carlos Vales, etc.

Palabras veciñas

agalegamento | agalegar | Agalena | Agália | agáloco | Agalta, serra de | Agam, Ya’qob