Agostiño, Orde de santo
Denomínase así a Ordo Eremitarum Sancti Agostinoi (OSA). Debe o seu nome a santo Agostiño, Pai da Igrexa e precursor do monacato latino, que toma as súas ensinanzas como regra de vida. Coñécense así diversas institucións relixiosas masculinas e femininas, destacando principalmente a Orde dos Ermitáns de santo Agostiño e a Orde dos Recoletos de santo Agostiño. Chega á Península Ibérica contra o s VI, traída dende o norte de África polo monxe Donato como orde de carácter monacal, arraizando principalmente no norte logo da invasión musulmana. Xogará un papel destacado no Camiño de Santiago, ao estableceren ao longo dos seus percorridos hospedaxes e hospitais. Durante a Idade Media denominouse co nome de agostiños ou cóengos negros a todas as ordes que seguían a pauta monacal. Preséntasenos un debate de carácter histórico xa que algúns autores non inclúen nesta orde os chamados Prioratos de Cóengos Regulares que xurdiron a partir dos ss IX e X, xa que son unha orde de carácter mendicante froito dunha transformación planificada pola Santa Sé por bula de Alexandre IV do ano 1256, que unificou diversos lugares de eremitas na que se coñecerá como Orde de santo Agostiño, baixo a autoridade dun único Superior Xeral. A orde expandiuse entón con rapidez por Italia, Hungría, Alemaña, Inglaterra e os reinos da Península Ibérica, que se constituíu como Provincia Hispaniae, da que se escindirá posteriormente o Vicariato de Portugal polo grandísimo número de fundacións que se rexistran neste país. Precisamente, característica peculiar da orde na Península Ibérica é a súa dedicación ás misións, facendo un importante labor de evanxelización en África, América (México, Perú, Chile, O Brasil) e Asia (enviados por Filipe II ás Filipinas, para intentar establecerse na China). As comunidades máis coñecidas á parte dos cóengos regulares, son os agostiños recoletos, os agostiños descalzos e os ermitáns de Santo Agostiño. As institucións de cóengos regulares en Galicia parten da Baixa Idade Media e teñen unha curta vida, extinguíndose entre os ss XV e XVI, ao desaparecer uns e pasar outros a ser colexiatas seculares, como Santa María do Sar, en Santiago, Santa María Madalena de Arzúa, Santa María Madalena de Sarria, San Xoán Caaveiro e outros. En Galicia establecéronse conventos masculinos e femininos de agostiños ermitáns e priorados de cóengos regulares. Entre os conventos de ermitáns que salientan en Galicia está o de Pontedeume, fundado por Fernando de Andrade no 1538 e en activo ata o s XIX, e o de Santiago de Compostela, fundado polo pai Francisco Figueroa e construído baixo o mecenado do conde de Altamira entre 1623 e 1648, que tamén se mantivo ata o s XIX, pasando anos despois á Compañía de Xesús (na actualidade ten alí a súa sede o Colexio Maior Santo Agostiño). Outros conventos importantes no noso país foron o da Madalena de Sarria, o de Caión, e o de Arzúa, que en moitos casos están relacionados con tarefas asistenciais no Camiño de Santiago, denotando esta influencia nos símbolos xacobeos típicos da peregrinaxe, reiterados nos seus signos identificadores, como a vieira e a Cruz de Santiago.