agricultura

agricultura

(< lat agricultūra)

  1. A agricultura consiste na produción de vexetais por medio do cultivo da terra co obxectivo de transformar o medio natural -a través da selección de vexetais que melloren a produción ou resistan a factores climáticos adversos, da escolla das especies máis aptas para o consumo humano ou da mellora ou creación de solos óptimos para o emprego agrícola- cunha clara finalidade de alimentar. Neste sentido, a definición de agricultura debe incluír, tamén, os desenvolvementos científicos e técnicos que o ser humano utiliza para obter produtos vexetais e animais da máxima calidade e do máximo rendemento posibles. Así mesmo, as operacións de mercado, os estudios sociais e a fabricación das máquinas e obtención dos materiais empregados nos campos, tamén son incluídos neste concepto. Os factores que condicionaron historicamente a agricultura foron diversos. Os condicionantes naturais ou ecolóxicos (clima, relevo, substrato rochoso, tipo de solo, etc) afectan tanto ás especies seleccionadas como ás técnicas agrarias ou aos tipos de cultivo. Así mesmo, as estruturas sociais derivan da organización da produción agrícola, que aproveita os recursos naturais ou produce   prácticas e sistemas agrícolas moi variados que poden chegar a transformar, cando menos parcialmente, os posibles inconvenientes impostos polos condicionantes ecolóxicos. Así, por exemplo, as técnicas hidráulicas e de irrigación permiten o cultivo intensivo en grandes áreas e a transformación en regadío de comarcas de secaño, pobres en auga. Do mesmo xeito, a práctica do estercado e fertilización é case tan antiga coma a agricultura; na actualidade teñen mellorado moito as técnicas mediante o uso de fertilizantes químicos e orgánicos clásicos (purinas) ou de nova concepción (compost). Finalmente, os novos métodos de cultivos hidropónicos permiten obter mellores calidades nutritivas.

    Aparición e desenvolvemento da agricultura

    Semella que nun momento avanzado do Paleolítico, para o que hai indicios da convivencia do home con animais domésticos, manipuláronse vexetais cunha intencionalidade que xa cabería denominar agrícola. A agricultura consolidouse hai aproximadamente 10.000 anos, sendo unha das compoñentes principais da chamada revolución neolítica, caracterizada por unha transformación dos patróns de subsistencia, que pasan de se alicerzar nunha economía depredadora (recolectora e cazadora) a facelo noutra produtora, transformando a interrelación entre o home e o contorno medioambiental. Neste sentido, pódese falar da agricultura como a domesticación dos vexetais fronte á gandería ou domesticación dos animais. Na actualidade considéranse, cando menos, seis rexións nucleares de inicio independente das prácticas agrícolas. Próximo Oriente (8.000 a C), onde xorden as primeiras aldeas agrícolas nas terras altas situadas ao norte e leste da Mesopotamia, que domestican e cultivan sobre todo especies cereais (fundamentalmente trigo, centeo e cebada) que pasaron de se colleitar en estado salvaxe a cultivárense nos agros. A ferramenta empregada compoñíase basicamente de aixada e vara afiada para fender na terra. En América, concretamente no noroeste da Mesoamérica (6.000 a C) e Sudamérica (5.000 a C), existen datos que indican que a agricultura xurdiu de xeito independente ligada no primeiro caso ao cultivo do millo, a cabaza e as fabas, en tanto que no segundo as plantas domesticadas foron a pataca, mandioca e o cacahuete. En Asia téñense localizado outros dous focos independentes de xurdimento da agricultura: China (7.000 a C), co cultivo de paínzo e arroz, e o sueste asiático (4.000 a C), con arroz. En África, o Sahel foi un dos últimos centros de invención autónoma da agricultura (1.000 a C) co cultivo de paínzo, sorgo e ñame. Na actualidade manéxanse fundamentalmente dúas teorías para a explicación da aparición autónoma da agricultura en diferentes partes do mundo, alicerzadas, respectivamente, na evolución cultural e na presión demográfica, coincidindo ambas en considerar un espallamento da agricultura por todo o planeta coa expansión das novas aldeas agrícolas a partir dos focos orixinarios, o que semella estar documentado cando menos para Europa e a África subsahariana, quedando os pobos cazadores e recolectores reducidos aos lugares menos aptos para o cultivo. A Europa probablemente chegou dende Anatolia, expandíndose cara ao oeste e norte contra o 6.500 a C. En Galicia,   como noutras zonas de Europa, agricultura e Megalitismo semellan estar vencellados dende o comezo de ambos fenómenos; sen embargo, malia que o debate está aberto, hai indicios dun Neolítico premegalítico estudiado no xacemento arqueolóxico da Cunchosa. O desenvolvemento da agricultura propiciou a formación dos primeiros estados hidráulicos da historia, localizados nas marxes dos grandes ríos (Nilo, Eufrates, Tigris, Indo e Huangho), e un modo de produción escravista. En Exipto xorde unha sociedade escravista e xerarquizada que basea os seus recursos económicos no aproveitamento dos asolagamentos periódicos do río Nilo para a irrigación, que se aproveita o cultivo da cebada. En China fúndase un estado centralizado e burocrático, que axiña organiza unha rede de funcionarios públicos encargados do control das obras hidráulicas realizadas nas terras fértiles das marxes do Huangho, onde se cultivaba o paínzo, do que se obtiña fariña, e o arroz. O desenvolvemento agrícola implicou, así mesmo, a innovación tecnolóxica (aixada de ferro, o fouciño, machadas, arado, regadío, enxertos, etc) e logo adiantos astronómicos (control das estacións, dos cilos lunares, etc) e mesmo a aparición da escritura (mecanismo de rexistro da produción). En Grecia o traballo do campo realizábano os vasalos ou servos, en Roma os escravos; así mesmo, ambos os dous estados lexislaron en materia agraria para resolver os conflitos entre os gandeiros e os agricultores e ordenar o uso do ager publicus. En Roma a difusión das villae, principalmente durante o Baixo Imperio, propiciou a introdución de novo instrumental agrícola, nomeadamente o arado, e a extensión dunha forma de explotación agrícola que implicaba, por parte da poboación romana e da aristocracia   indíxena, un novo interese e concepción da propiedade e da explotación da terra. Na zona mediterránea practicouse unha agricultura extensiva, comezando a se empregar de xeito xeneralizado, agás nas terras máis fértiles, o barbeito, mellorándose así mesmo o arado tirado por bois. Os cultivos máis comúns, ademais dos cereais, foron a vide, a oliveira, o liño, o esparto e o algodón en cantidades moi elevadas. Na área atlántica a produción agraria baseábase nun sistema de roza consistente en cortar a vexetación e queimala posteriormente; dese xeito prepárase o campo de cultivo para os labores de sementeira e fertilízase coa cinsa resultante do incendio. Este sistema, que se practicou en amplas áreas de Galicia ata ben entrado o s XX, permitía unha ou dúas colleitas, pero   obrigaba ao posterior abandono do terreo debido o seu rendemento decrecente ao perder calidade a terra ante colleitas sucesivas, feito que determinou a constitución da paisaxe rural galega. A agricultura castrexa, orientada ao consumo doméstico e ao comercio en pequena escala, baseábase no cultivo de cereais (trigo, paínzo e cebada) e de leguminosas. A introdución, na Gallaecia, da vide é atribuíble á romanización. En Occidente, a agricultura da primeira Idade Media permanece, polo xeral, nos vieiros da romana. A concesión do dereito de cidadanía a todos os habitantes do Imperio e a crise agraria do s III afectou ás relacións sociais de produción debido a que paseniñamente comezou a introducirse a dialéctica señor-servo, que está na base do modo de produción feudal, fronte á clásica amo-escravo. Consolidouse a grande propiedade rural, herdanza dos grandes latifundios altoimperiais, e o manso, pequena explotación autónoma. Así mesmo, mantívose a base fundamentalmente cerealista e secundariamente oliveira e vitivinícola, continuando a primar a rotación bienal como metodoloxía de explotación da terra. Dende finais do século XI constatouse un importante pulo demográfico, feito que ten como consecuencia obrigada a ampliación da superficie cultivada ao tempo que se busca unha aplicación de sistemas de cultivo intensivos na procura de maiores rendementos agrícolas. Xunto con estas novas características xurdiu unha axilización dos intercambios dos produtos da terra nas emerxentes vilas. Este proceso de crecemento no ámbito rural produciu a fragmentación de propiedades das terras antigas e o acadamento doutras novas. A tarefa de poñer novos terreos en cultivo realizouse de tres formas: primeiramente mediante a amplación dos eirados antigos, incorporando novas parcelas gañadas ao baldío circundante, forma máis frecuente ao alcance das comunidades de labregos e con participación de amplos sectores do campesiñado; a segunda, fundamentabase no xurdemento de eirados e aldeas novas, feito que se fixo difícil sen a participación señorial; unha terceira forma, máis difícil de observar debido á escasez da súa práctica, consistiu no establecemento de casais illados como resultado de esforzos individuais. A produción agrícola incrementouse de forma considerable, tanto nas hortas (que cumprían o papel de fornecer a alimentación do grupo familiar e de colocar no mercado produtos hortícolas) como nas eiras cerealísticas e vitícolas, debido a que cada ano se recollían novas colleitas ao tempo que nas vellas terras se conseguía que foran máis abondosas mercede tanto á aplicación de técnicas agrarias máis evolucionadas, como ao emprego de ferramenta nova e sistemas de cultivo máis propicios. Ao longo do s XIII, para lograr a intensificación dos rendementos agrícolas, seguíronse dous camiños: o máis directo consistíu na supresión do ano de barbeito, mediante a sementeira do cereal de primavera tras da colleita do inverno, sistema que presentaba o risco de diminución da produción debido o debilitamento da terra producido por un esgotamento de substancias nutrientes; o segundo procedemento consistiu na introdución, xunto cos cereais de inverno e primavera, de leguminosas, nun sistema de rotación trienal, menos esixente e que permitía unha mellor fertilidade. Un proceso destas características esixía un uso axeitado de medios, ferramenta e fertilización da terra que permitira a rexeneración do chan cultivado. Con todo, traballábase cun arado sinxelo e lixeiro, de madeira, que tan só remexía a capa superficial da terra, apto tan só para terras lixeiras; non embargantes, aínda que non moi difundido, xa existía o arado de veso ou vesadoiro, dotado de dobre rella, veso e rodas, capaz de labrar terras húmidas ou máis pesadas. Este tipo de arado aforraba man de obra e drenaba mellor os campos poñendo en cultivo terras máis fertis. Un dos feitos históricos máis definitorios deste período foi a concentración da propiedade da terra nas mans dos señores e o acrecentamento do patrimonio territorial dos mosteiros e dos cabidos catedralicios. Dende a primeira metade do século XII os mosterios cistercienses puxeron en funcionamento granxas con explotación directa da terra, como unidades agrarias satélites do mosteiro ao que pertencía. Non obstante , diante da magnitude dos seus dominios, víronse na necesidade de ceder terras encargando a outros a súa explotación, establecendo contratos agrarios de diversa índole. Dende os últimos anos do século XII e ao longo do século XIII impúxose progresivamente o contrato de foro, caracterizado pola longa duración das cesións. Este desenvolvemento agrario, común en Galicia e outras zonas atlánticas, mostra semellanzas e disparidades co conxunto de países que desenvolveron un modo de produción feudal. O latifundismo, herdeiro das explotacións agrarias romanas volve rexurdir nas terras de conquista e repoboación creando unhas relacións sociais onde o papel do pequeno campesiñado era substituído polo do xornaleiro ou braceiro por conta allea. Na Europa mediterránea (Andalucía, Mezzogiorno, etc) e na central e eslava (Prusia e Rusia) desenvolveuse unha agricultura latifundista con características diferenciadoras, sobre todo con respecto o papel xogado polos terratenentes absentistas mediterráneos fronte ao desenvolto polos junkers prusianos. En Bizancio e no Islam a propiedade agraria é latifundista e as relacións sociais establécense entre o servo e o amo; sen embargo, en determinadas rexións islámicas houbo un desenvolvemento dun campesiñado independente. Conforme avanzan os tempos altomedievais cara á Idade Moderna, principia o tránsito dende o modo de produción feudal cara a outro definido polo constante aumento da produtividade e a introdución do modelo capitalista empresarial, cunha produción cada vez máis especializada e un traballo proletarizado como fonte de beneficios minimizadora dos investimentos de capital. Este novo xeito agrario ten como principal mellora técnica a progresiva mecanización da produción e, en relación con ela, un apoxeo do cultivo intensivo. Introducíranse cultivos descoñecidos en Europa, como o millo, a pataca, o tomate ou o chocolate, que transformaron a dieta popular permitindo evitar as fames que ciclicamente arrasaban o vello continente, no que se produciu un crecemento demográfico sen precedentes. Desenvolvéronse novas formas de explotación da terra, principalmente o réxime de enfiteuse en Francia e o traballo libre asalariado na Inglaterra (domestic system). Estes feitos, determinaron a formación dunha importante clase social agraria que ía ser axente importante nas revolucións burguesas do s XIX e no desenvolvemento do capitalismo. Esta situación está orixinada no proceso de formación dun mercado mundial, favorecido polo desenvolvemento dos transportes e dos procesos de conservación, que facilita que países como Arxentina, Canadá, os Estados Unidos de América ou Australia poidan competir co sector agrario europeo. A consecuencia máis visible é a caída de prezos que vai afectar especialmente á produción cerealeira. Estruturalmente a crise vai máis aló, manifestándose na diminución da superficie cultivada e no éxodo rural cara ás cidades onde se está a desenvolver o proceso de industrialización. Galicia non vai ser allea a esta crise finisecular e á internacionalización dos mercados, se ben será no sector gandeiro onde máis se perciba esta última. No ámbito agrícola a depresión vai vir acompañada de dúas pragas: a filoxera e a tinta do castiñeiro. Se ben para o caso galego non cómpre falar dun éxodo rural importante cara ás cidades debido á súa feble industrialización, se se fai preciso salientar o proceso migratorio cara aos países americanos, acentuado durante estes anos, e que afectará especialmente ás zonas rurais.

    A industrialización da agricultura: o caso galego

    A Revolución Industrial supuxo un paso definitivo na transformación da agricultura, que continúa a ser un alicerce fundamental da economía mundial. Haberá unha plena substitución do barbeito polo sistema de rotación de cultivos, o que produce un inmediato incremento do volume das colleitas. Desenvolverase unha coidada enxeñería de selección de sementes e de mellora dos fertilizantes, así como un novo instrumental agrícola mecanizado axeitado aos requirimentos da produción, que partindo dos máis complexos tipos de arado chega ao desprazamento da tracción animal polas máquinas sementadoras, segadoras e trilladoras; todo isto permite ampliar de maneira continuada as terras de cultivo e un paulatino incremento das producións mercede á inversión enerxética achegada en forma de prácticas mecanizadas. Parellamente, a revolución dos transportes motivará unha difusión e un intercambio dos produtos sen precedentes. A relación industria-agricultura, cada vez máis estreita, tende ao máximo rendemento da súa coordinación, que non dará chegado sen arranxar os abundantes problemas sociais, políticos e económicos que ao mesmo tempo está a ocasionar. A creación de centros de investigación agrícola aplicada, sobre todo especializados en bioquímica e enxeñería xenética, pulou polo perfeccionamento das industrias existentes en cada momento e a creación doutras. Nos países máis avanzados, a partir sobre todo da década dos setenta, produciuse un certo rexeitamento, cada vez máis difundido, cara a formas demasiado tecnificadas de agricultura (técnicas drásticas de fertilización, de tratamentos fitosanitarios, etc), que, ademais de resultar moi caras, fan uso de produtos organolepticamente discutidos, favorecendo o nacemento e desenvolvemento da denominada agricultura biolóxica, ecolóxica ou orgánica. Na explicación do proceso de industrialización agraria non se poden esquecer factores tan importantes como os históricos, que determinaron o momento de inicio da revolución agraria; sociais, que condicionaron a atribución dos medios de produción aos traballadores ou propietarios agrícolas; xurídicos, que definiron a propiedade da terra e a súa transmisión por herdanza; tecno-económicos e mesmo ideolóxicos e culturais. Neste sentido, o caso galego representa un modelo de desenvolvemento a partir de estruturas tardofeudais (foros) e do minifundismo da propiedade cara a unhas estruturas capitalistas (cooperativismo, campesiñado autónomo, mercantilización) e concentradas da propiedade. Nas primeiras décadas do século XX a agricultura galega veu determinada pola lenta e progresiva penetración do capitalismo e a incorporación de medios industriais no proceso produtivo. Así mesmo, nestes anos produciuse o desenvolvemento do asociacionismo labrego, tanto en sociedades agrarias e sindicatos como en cooperativas e mutuas que participaron tamén da transformación do sector agrario. O feito máis salientable da época contemporánea é o acceso do campesiñado á propiedade da terra e o ocaso do sistema foral, que no 1926 será sancionado polo goberno coa Lei de Redención Foral. O proceso ten a súa orixe na antedita crise finisecular, que conduciu á venda de patrimonio por parte da fidalguía, pechándose acordos de tipo privado que logo posibilitan a redención dos foros; os ingresos económicos pola comercialización de excedentes e a chegada de diñeiro da emigración en América facilitarán esta situación. Esta propietarización terá como consecuencia máis inmediata o parcelamento da terra e a consolidación da pequena explotación, reforzada esta pola individualización da propiedade comunal. No proceso de modernización tamén hai que destacar a achega institucional ao través de iniciativas como a Granxa Agrícola Rexional de Monelos fundada en 1888, as Cámaras Agrícolas ou as Seccións Agronómicas, e, xa na década de 1920, a Misión Biolóxica de Galicia e a Estación de Fitopatoloxía Agraria da Coruña. Os sindicatos e as sociedades agrarias posibilitaron o coñecemento dos labregos das innovacións no agro e facilitaron a adquisición de fertilizantes químicos, sementes, útiles de labranza e maquinaria. A reconversión do sistema de cultivos, acrecentando o espazo dedicado a leguminosas e patacas, e a mercantilización crecente serán outras compoñentes definitorias da agricultura neste período. A posguerra vai orixinar unha reorientación poboacional cara ao mundo rural como consecuencia da crise industrial e o colapso urbano, nunha coxuntura estatal caracterizada pola autarquía que estaba a orientar os seus intereses cara aos sectores cerealeiro e oliveireiro, quedando o agro galego á marxe da iniciativa estatal. A partir da década do 1960, Galicia foise incorporando ao proceso de desenvolvemento industrial que estaba a levar adiante o goberno de Madrid, se ben cunha industrialización pouco integrada na economía do país, que non contemplaba o agro galego como un ámbito de actuación preferente. Dende 1960, o sector agrario galego experimentou unha transformación encamiñada ao aumento produtivo por mor do incremento da demanda alimentaria do Estado, en fase de progresiva urbanización, o que se traduciu na mercantilización do sector produtivo galego, principalmente do ámbito gandeiro, se ben alcanzando tamén o agrícola. Unha das consecuencias deste proceso será o aumento da mecanización do agro. Por outra banda, a crise que estaba a vivir a sociedade galega forzou á emigración dunha importante cantidade de efectivos poboacionais, éxodo que sufriu especialmente o agro, e, consecuentemente, un envellecemento da poboación dedicada á actividade agrícola: crise da agricultura tradicional e emigración son dous elementos que funcionan nun sistema de realimentación. Resultado a longo prazo de todo o anterior será o abandono de explotacións. O sector agrario sufrirá unha serie de consecuencias do proceso de desenvolvemento que estaba a impoñer o goberno central do Estado. Por unha banda, a crecente demanda de materia prima por parte da nacente industria madeireira ocasionou o repoboamento dos montes comunais con especies de crecemento rápido, sen que isto producise beneficios para os intereses labregos. Por outra banda, a conversión de Galicia nun produtor de enerxía para o resto do Estado deu lugar á construción de encoros que asolagaron numerosos vales, imposibilitando así o seu aproveitamento agrícola, sendo os casos máis salientables os de Belesar (1959) e Castrelo de Miño (1964). A intervención na Limia coa espectativa de aumentar o rendemento agrícola da comarca tamén se saldou cun fracaso absoluto e a destrución dun ecosistema perfectamente equilibrado e definido, artellado ao redor da lagoa Antela, desecada a partir do 1957. As transformacións do agro galego dos últimos anos están directamente vencelladas co proceso de integración na Unión Europea, coa definición dunha política agrícola común, non sendo posible entender a súa dinámica á marxe das accións desenvolvidas no sector agrario nas últimas décadas. A situación dos anos noventa do século XX, non é máis que o último capítulo dun proceso continuo de adaptación e de modernización a unha realidade económica e produtiva que a partir destes anos vai ter como referente obrigatorio á Unión Europea e as partidas orzamentarias que outorga en forma de fondos de cohesión e estruturais que tencionan posibilitar a integración do conxunto da economía galega no espazo económico e político europeo. A achega da agricultura galega ao Produto Interior Bruto (PIB) e os valores absolutos da Produción Final Agraria (PFA) non confirman un dominio da agricultura na economía do país comparándoa con outros sectores de actividade; así mesmo, a poboación activa ocupada na agricultura descendeu considerablemente nos últimos anos, ata o punto de, segundo a Enquisa de Poboación Activa, o sector primario ocupar soamente o 25,8% da poboación activa no 1996 e, ben pouco despois, no 1999, o 22,15%, mentres que a finais da década do 1960 representaba ao 53,80%. A plena penetración das relacións capitalistas no campo a partir do 1970 xustificaron o reordenación de cultivos no seo da explotación. As actividades agrarias deixan de orientarse prioritariamente para cubrir necesidades domésticas, pasando a ser esencial a produción para o mercado. Do mesmo xeito, esa agricultura anteriormente “pechada” dependerá cada vez en maior medida de políticas e decisións adoptadas fóra das nosas fronteiras, sobre todo da Unión Europea coa Política Agraria Común (PAC). A pesar de certos obstáculos estruturais, o sector de actividade agrícola galego está modernizado e adaptado plenamente á economía de mercado. A perda de representatividade deste sector verbo da Galicia de épocas anteriores non significa que sexa unha actividade residual; pola contra, a poboación labrega galega é moi superior ás medias da meirande parte dos países da Europa máis desenvolvida, mesmo do Estado Español. Desta importancia, constante na nosa historia, devén a forte impronta da pegada do agrícola na vida económica e social, no imaxinario colectivo, mesmo nas paisaxes, do país galego. O medio físico e os factores históricos son probablemente os elementos que máis cedo inflúen no aproveitamento agrícola dun territorio; nun primeiro momento, o dominio dunhas variedades de cultivos sobre outras e a intensidade da produción van depender de caracteres físicos: as diferentes capacidades produtivas do solo, os contrastes entre os espacios de montaña, val e costa, as variedades do clima oceánico de fachada atlántica dominante, etc. Non obstante , son as causas socioecocómicas as que explican fundamentalmente o dominio dos sistemas de cultivo en Galicia, que van dende o tradicional policultivo de subsistencia, destinado sobre todo ao autoconsumo familiar, caracterizado por pequenas explotacións baseadas na diversificación de usos e produtos, sobre todo de patacas e hortalizas, ata o modelo agrícola mercantilizado e intensivo, máis produtivo e altamente vencellado co desenvolvemento tecnolóxico e a introdución dos produtos nos circuítos comerciais a escala mesmo internacional. Ao igual que acontece con outros aspectos socioeconómicos, demográficos e territoriais, os contrastes entre a Galicia occidental e costeira e a oriental interior fanse patentes tamén no tipo de aproveitamento agrícola. Verbo da análise demográfica dos efectivos poboacionais ocupados na agricultura salientan varios aspectos fundamentais: xunto ao comentado descenso da poboación ocupada no sector primario, parello ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia, ben que con taxas aínda superiores aos índices doutros países desenvolvidos, destaca o abandono só parcial da actividade agraria en determinados espacios dos arredores urbanos, onde se continua a practicar a tempo parcial. Asociado a este descenso da poboación labrega atópase un factor de indudables consecuencias negativas para o sector, cal é o continuo avellentamento dos efectivos poboacionais agrarios, sendo un feito que os espacios con agricultura máis dinámica e comercial son os menos avellentados: segundo os últimos datos publicados (Enquisa de Poboación Activa do 1997), o 43,35% da poboación activa de Galicia ocupada no agro ten máis de 54 anos de idade, chegando a superar o 50% nas provincias de Lugo e Ourense; os maiores de 64 anos representan o 8,24%. Esta situación ten o agravante de que o 68,91 % dos titulares das explotacións son maiores de 54 anos, sendo deles o 40,01% maiores de 65 anos. Outro trazo poboacional a salientar é a importancia da man de obra feminina: as mulleres representan o 56,79% da poboación ocupada neste sector de actividade, porcentaxe que se vería incrementada ao considerar a totalidade das mulleres traballadoras principais nas explotacións de Agricultura de Traballo Temporal (ATP). En Galicia, a Superficie Agraria Utilizada (SAU) ocupa unha reducida extensión, aproximadamente dun terzo (30,86%) da total; salientan pola súa reducida porcentaxe de SAU as comarcas pontevedresas (25,97%) e ourensás (27,09%). Esta baixa superficie de terras labradas, praderías e pastos contrasta coa elevada extensión que ocupa en todo o Estado Español ao estar asociada aos modelos de agricultura extensiva de secaño; en Galicia, o monte baixo e o monte arborado representan o uso do solo predominante. Nas provincias occidentais predominan as terras de cultivo sobre os prados e pasteiros: 193.106 ha de terras de cultivo fronte a 80.595 ha de prados e pasteiros na provincia da Coruña; 93.082 e 22.906 ha, respectivamente, en Pontevedra. En Lugo e Ourense repártense case por igual entre elas: nas terras lucenses contabilízanse 152.287 ha de terras de cultivo e 170.573 de prados e pasteiros; nas ourensás, 98.462 e 98.725 ha respectivamente. Á feble extensión da SAU e á proliferación de explotacións familiares debe engadirse un tamaño medio das unidades de produción agraria moi cativo debido á existencia dunha agricultura aínda moi pouco afeita á economía de mercado e a que moitas das explotacións máis pequenas (de 1 a 5 ha) están vencelladas a modelos de agricultura a tempo parcial (ATP). O agro galego caracterízase polo predominio desta pequena propiedade: no ano 1972 o tamaño medio da explotación era de 6,4 ha; na actualidade (1999) é de 6,2 ha, fronte ás 19 da media española. Polo xeral, a extensión das explotacións aumenta dende a costa cara ao interior. Os maiores tamaños están nos territorios interiores e de montaña, como acontece en boa parte dos concellos do leste de Ourense e Lugo; os tamaños máis reducidos atópanse en case toda a franxa costeira occidental, principalmente nas Rías Baixas, en parte do Baixo Miño e O Condado, no Golfo Ártabro e nos concellos limítrofes da cidade de Ourense. Na actualidade (1999), as explotacións máis grandes, que adoitan superar as 15 ha, localízanse nos sectores máis montañosos, tanto nas serras do leste (Os Ancares e O Courel) como do sueste (Manzaneda) e centro (Dorsal). Pola súa banda, as pequenas explotacións, sempre de menos de 5 ha, atópanse na costa, especialmente nas Rías Baixas e no Golfo Ártabro, en menor medida en territorios interiores como O Baixo Miño, A Ulla e O Ribeiro. A extrema parcelación existente agrava este problema estrutural, visible fundamentalmente no leste da provincia de Pontevedra, no centro interior da de A Coruña, no centro e boa parte do sur de Lugo e, sobre todo, na práctica totalidade da terra ourensá, especialmente nunha franxa que se vai dende Beariz ata Cualedro. Xa dende mediados da década de 1950, o problema da excesiva fragmentación do solo se intentou resolver parcialmente mediante a concentración parcelaria, sen se obter os efectos desexados. Deben salientarse outras tres importantes características do noso agro: primeiramente, o predominio en toda Galicia do réxime de propiedade directa, o 81,0% do total; en segundo lugar, a súa progresiva mecanización, en moitos casos de maneira irracional debido ao forte individualismo labrego (no 1995 contabilizáronse 111.557 tractores e 63.585 motocultores en uso, correspondendo a cada tractor 8,15 ha; a media española estaba en máis de 30 ha por tractor); finalmente, destaca a importancia da pluriactividade, mantida por quen emigra ás cidades galegas sen se desvencellar do seu lugar de orixe, que periodicamente visita, traballando o seu agro. A produción agrícola galega alicerzouse durante moito tempo nun policultivo autoconsumista con escasa vocación comercial; actualmente, o campesiño opta pola reorganización dos cultivos para obter un maior proveito das súas terras. As principais producións agrícolas na actualidade están compostas pola pradería polifita e o millo forraxeiro. Non obstante , son as patacas, as hortalizas e o viño os tres rendementos máis importantes, sobre o 75% da produción. Estas orientacións posúen un carácter moi desigual: a pataca, por exemplo, segue a representar un cultivo de autoconsumo, agás na Limia, onde se orienta comercialmente. Os produtos de horta comezan a manifestar unha importante especialización, sobre todo nos espacios próximos ás cidades, dedicados satisfacer a demanda urbana. Isto non significa o abandono do tradicional cultivo de hortalizas e verduras, que pervive fundamentalmente nas explotacións destinadas ao autoconsumo. Pola súa banda, a viticultura está a consolidar a súa importancia na Produción Final Agraria (PFA) despois da profunda reordenación do viñedo e dos procesos de elaboración do viño. Estes dous últimos cultivos están a acadar unha importancia comercial crecente debido á introdución de modernos sistemas de cultivo e o aumento da demanda, constituindo bos exemplos da preocupación pola intensificación produtiva e a calidade as distintas denominacións de viño de orixe e o constante incremento na produción hortícola e de flores baixo abrigo. Os cereais constitúen o cultivo máis tradicional, salientando o do millo pola importancia que tivo durante décadas na alimentación; en combinación coas forraxes, domina nas provincias occidentais. Os cultivos forraxeiros e prados representan unha orientación crecente en función da vocación gandeira do territorio: unha boa parte da provincia de Lugo, a comarca do Deza e A Estrada, os espacios de dedicación bovina máis importantes de Galicia, destacan pola súa parella dedicación ás forraxes, cultivos que ven considerablemente aumentada a súa extensión en combinación con millo, patacas, cereal gran ou mesmo vide. En definitiva, o sector agrario galego está moi diversificado: por unha banda existe unha agricultura e gandería tradicional, de escasos rendementos económicos; por outra, unha agricultura especializada e comercial, dedicada aos cultivos de hortalizas, froitas e viñedo, que, xunto coa pataca, son os principais alicerces do subsector agrícola na actualidade, que achega 73.523,7 millóns de pesetas á Produción Final Agraria (PFA), salientando a contribución da provincia de Pontevedra, a que ten un menor índice de poboación activa que se dedica á   agricultura.

    Sistemas agrarios

    A combinación de factores ecolóxicos, histórico-culturais, sociais e tecno-económicos é o que vai definir e clasificar as grandes rexións agrarias do mundo. Na actualidade cómpre diferenciar cinco grandes tipos de sistemas agrarios. En primeiro lugar, destaca a extensión dos sistemas tradicionais, caracterizados polo emprego de técnicas tradicionais e unha produción de subsistencia. A pesar da redución das superficies dedicadas ao autoconsumo, debido fundamentalmente ao incremento das relacións comerciais e ao dominio das economías de mercado, este sistema agrario é o máis representativo dos países do Terceiro Mundo. Xunto a este tipo, convive nas rexións tropicais dos países industrializados do Terceiro Mundo (O Brasil, Indonesia, Nixeria, etc) e outros de economías menos avanzadas a agricultura de plantación, de vocación comercial e moi especulativa, de técnicas moi avanzadas e máxima capitalización, sistema que tende a gañar terreo a costa do tradicional nestas áreas debido á súa maior rendibilidade. Nas extensas explotacións que o caracterizan destacan as plantacións de produtos como o cafeto, o banano, a hevea e a cana. Este sistema agrario, sen embargo,   é xerador de grandes desigualdades porque crea profundas fendas entre os empresarios que se dedican á comercialización e á transformación (maioritariamente en Europa, EE UU e Xapón) dos produtos agrarios e os produtores, que teñen que investir uns capitais que non teñen para introducir estes produtos de monocultivo o que lles obriga a solicitar prestamos que xeran uns xuros no prazo de medra da plantación que non poden asumir antes da primeira colleita. Un terceiro sistema agrario de grande rendibilidade social e económica é o da agricultura de explotación familiar e empresarial, propia da Europa occidental; os contrastados espacios físicos europeos están profundamente marcados pola herdanza histórica, fortemente condicionada por contrastes locais no eido da explotación e das estruturas agrarias. Destacan tres grandes conxuntos: a Europa nórdica, o conxunto centroeuropeo e a Europa mediterránea. A necesidade de incrementar e diversificar a produción agrícola, sobre todo a partir da Segunda Guerra Mundial, nun territorio densamente poboado e nalgúns casos lastrado por condicións físicas pouco favorables, obrigou a unha profunda modernización das estruturas e as explotacións agrarias, desenvolvéndose unha agricultura altamente tecnificada, de forte especialización produtiva, e a un importante redimensionamento das unidades de explotación, sistema ao que se dirixiron as distintas reformas agrarias adoptadas pola gran maioría dos países europeos e que a controvertida Política Agraria Común (PAC) da Unión Europea axudou a consolidar. O resultado foi a mellora progresiva da produción, acadando importantes excedentes de moitos produtos. Este sistema conformou tres tipos de estruturas, todas elas altamente rendibles: a agricultura familiar, a empresarial e a Agricultura a Tempo Parcial (ATP). Un cuarto sistema agrario é o propio da agricultura industrial americana, caracterizada pola explotación familar e a busca das economías de gran escala, mesmo chegando ao ‘xigantismo’; o elevado grao de tecnificación e mecanización das terras agrícolas, maiormente explotadas en réxime directo de propiedade ou mixto, convertéas nas máis avanzadas do mundo. A tendencia á especialización produtiva e á intensificación dos sistemas de cultivo permite aos Estados Unidos estaren á cabeza das producións agrarias mundiais, controlando mercados e producións máis alá das súas fronteiras. A agricultura socialista, despois da desmembración do bloque socialista da Europa do leste, mantense principalmente en Cuba e China. Entre os seus rasgos principais está a desaparición da propiedade latifundista e a explotación da terra por propietarios absentistas, a creación de empresas de traballos colectivos (os desaparecidos sovkhoses e kolkhoses soviéticos, as granxas estatais cubanas), a axuda do Estado, sobre todo á pequena explotación, e a planificación dos resultados do traballo, na que os prezos son fixados polo Estado. A tendencia actual semella ir cara á desaparición da agricultura de subsistencia substituída pola de mercado; non obstante, a importancia da primeira segue a ser fundamental nos países menos desenvolvidos, coa meirande parte da poboación activa ocupada no sector primario: a poboación ocupada na agricultura descende progresivamente a medida que un país se desenvolve economicamente dentro do capitalismo, o que non implica descenso da produción, senón o contrario (así, na Europa Comunitaria, cunha agricultura de explotación intensiva das máis produtivas do mundo, a poboación activa ocupada no sector primario é só o 6,4%). Na actualidade, a agricultura, que cada vez depende máis da industria, tanto química (pesticidas e fertilizantes basicamente) como da automoción (tractores, malladoras, etc) crea unha maior brecha entre o Norte e o Sur e imposibilita un desenvolvemento agrario autónomo nos países do Terceiro Mundo. Así mesmo, cómpre advertir que as sociedades postindustiais teñen globalmente garantidas as súas necesidades nutritivas diarias para cada un dos seus habitantes; sen embargo, amplos sectores da poboación nos países do Terceiro Mundo pasan fame debido á falta de distribución, xa que o mundo produce 2.600 calorías diarias (a FAO recomenda 2.500 calorías por persoa adulta e día), situación que está a provocar unha forte inestabilidade rexional.

  2. agricultura a tempo parcial

    Tipo de agricultura que ten á familia como unidade económica, non sendo a agricultura a principal actividade económica en canto a ingresos. A explotación agraria encóntrase preto da vivenda familiar, adoitando ser a muller e os fillos, os que lle dedican a maior parte do tempo. Como agricultura intensiva desenvolvida en reducidas explotacións, a ATP ten unha crecente importancia en boa parte dos países da Unión Europea. É unha actividade que permite aumentar os ingresos familiares debido a que supón un aforro, resultado de non mercar os produtos que se cultivan, significando isto ingresos directos resultantes da venda dos produtos que non consumen; non obstante, élle difícil a competencia coas producións obtidas nas explotacións especializadas das economías de grande escala. A ATP é un resultado máis do proceso de urbanización e cambio económico de Galicia, sendo crecente o seu desenvolvemento, sobre todo en espacios periurbanos. Un tipo de ATP é a denominada agricultura de ocio ou hobby-farming.

  3. agricultura biolóxica/ecolóxica/orgánica

    Práctica agrícola que pretende eliminar os fertilizantes químicos e todo tipo de pesticidas de síntese; non é contraria a outras técnicas de cultivo como o traballo mecanizado da terra, a fertilización orgánica (compost e fertilizantes ecolóxicos), a rotación de cultivos e explotación axeitada do solo. Persigue o equilibrio de nutrientes no solo co obxectivo aumentar a resistencia dos cultivos a enfermidades e pragas, así como para evitar dispendio de nutrientes minerais achegados artificialmente; pretendéndose así a obtención de producións agrícolas de maior calidade e elevado valor nutritivo e unha explotación máis racional dos recursos, evitando procesos de contaminación de auga e solo, mellorando a súa fertilidade e posibilitando un aforro considerable de enerxía. A súa aparición é consecuencia da alarma social perante o deterioro ambiental debido ao uso xeneralizado de herbicidas, insecticidas, funxicidas, etc; nun segundo momento, dende mediados da década de 1970, estivo fundamentalmente motivada polos problemas derivados da acumulación de excedentes agrarios nos países do Primeiro Mundo, sobre todo a Unión Europea e EE UU. A súa pequena presencia, polo momento restrinxida aos países de máis elevado nivel de vida, débese aos elevados prezos de produción, que encarecen o consumo. A principal demanda de explotacións deste tipo de agricultura e produtos agrarios ecolóxicos concéntrase nalgúns países da Unión Europea e nos EE UU. A pesar do seu constante crecemento, vaille resultar moi difícil substituír as explotacións intensivas, tanto polo aumento dos contrastes económicos entre os países pobres e os máis desenvolvidos, como pola competencia internacional entre estes.

  4. agricultura comercial

    Agricultura de alta produtividade e elevada capitalización caracterizada fundamentalmente por destinar case a totalidade da súa produción á comercialización. Trátase dunha agricultura moi mecanizada, e por conseguinte con baixas inversións de traballo. Tanto o tamaño das parcelas como o seu explotamento intensivo ou extensivo, vai depender do cultivo e do subtipo de agricultura comercial da que se trate. Así no Xapón, Formosa e Malasia predomina a agricultura industrial especializada; agriculturas altamente intensivas a pequena escala son, entre outras, a de regadío do Xapón e Formosa e as plantacións frutícolas e hortícolas de Europa e de Iberoamérica; a agricultura practicada na Europa occidental e nos Dairy e Corn Belts dos EE UU caracterízase polo seu carácter mixto; as grandes explotacións hortícolas dos EE UU, Iberoamérica e Australia, as extensas terras de regadío dos EE UU ou as modernas plantacións de Iberoamérica, África, Asia meridional e Oceanía practican unha agricultura intensiva a grande escala; por último, está a agricultura extensiva especializada en cereal e a grande escala, practicada fundamentalmente nas explotacións extensivas de Australia, EE UU, Canadá e Sudáfrica.

  5. agricultura cooperativa

    Asociación para a explotación agrícola constituída por unha serie de persoas que se reparten decisións e responsabilidades, ao mesmo tempo que achegan, total ou parcialmente, os elementos de produción (capital) á nacente comunidade. A agricultura cooperativa é unha posible vía de superación de estruturas tradicionais en zonas de pequena e mediana explotación, xa que abre camiños a unidades máis amplas, equipadas convenientemente e, polo tanto, altamente produtivas.

  6. agricultura de ocio/hobby-farming

    Tipo de agricultura a tempo parcial practicada en pequenas parcelas anexas ás vivendas, fundamentalmente nas periferias urbanas. Formula o traballo como distracción e lecer en momentos de ocio cidadán.

  7. agricultura de secaño/preintensiva

    Sistema de agricultura extensiva que a pesar dunhas escasas precipitacións non precisa achega de auga por medios artificiais. Co obxectivo de manter a humidade do solo adóitanse frecuentes barbeitos, cultivo e tratamento da terra reiterado despois das chuvias e roturación en cruz.

  8. agricultura de sostemento

    Práctica agrícola que ten como finalidade non agredir o medio ambiente. Baséase no cultivo de variedades adaptadas ás condicións climáticas da zona, reducindo o uso de fertilizantes e de produtos fitosanitarios.

  9. agricultura de subsistencia

    Agricultura que cobre máis dun 50% das necesidades de alimentación dunha familia que lle achega a totalidade do traballo e do capital. A agricultura é a parte máis importante da economía de subsistencia, que tamén inclúe a gandería. A agricultura de subsistencia é unha variedade do sistema agrario tradicional na que a meirande parte da produción sedestina ao autoconsumo, sendo nulo ou moi reducido o dedicado a intercambio comercial. Asociado polo xeral a pobos subdesenvolvidos, a súa produtividade é moi baixa debido ao atraso técnico e o pouco optimizado uso da forza de traballo.

  10. agricultura extensiva

    Sistema de cultivo caracterizado polo predominio dos elementos naturais sobre o capital e o traballo. Os investimentos de traballo son moi reducidos, polo que a produción depende máis da capacidade do solo que da do home, tendendo a obter un beneficio económico derivado máis do baixo prezo do custo de explotación do que dun rendemento elevado. Os baixos inputs de traballo, a reducida mecanización e a escasa fertilización son determinantes na obtención dunha produtividade reducida, do que deriva a necesidade de explotacións de gran tamaño para se achegaren os seus rendementos aos dos sistemas intensivos. Este sistema de cultivo adoita desenvolverse en territorios con baixas densidades de poboación, nos que é pouca a presión demográfica sobre o solo, sendo propia de zonas de secaño e de grandes extensións de terreo, que admiten un elevado grao de mecanización. Presenta formas de agricultura completa ou incompleta, segundo sexan explotados ou non ao máximo os recursos e as forzas naturais.

  11. agricultura intensiva

    Sistema de cultivo caracterizado por un elevado investimento de traballo e fertilizantes, e adoito capital, ben que en ocasións a capitalización sexa escasa, o que non impide a obtención de elevados rendementos brutos. Os campos propicios para o seu desenvolvemento son de extensión media ou reducida. En calquera caso, os métodos extensivos de cultivo procuran altos rendementos, empregando elevados investimentos de capital. Polo xeral presenta a forma de agricultura completa, cal é o caso das hortas con alternativas ben estudiadas con barbeitos suprimidos. Por norma xeral, a agricultura intensiva practícase en áreas próximas aos mercados para aforrar custos de transporte, man de obra, fertilizantes e maquinaria. Dentro da agricultura intensiva distínguense subtipos. A intensiva tradicional caracterízase por explotacións de pequeno tamaño, escasa mecanización e insuficiente fertilización, cunha grande importancia do investimento de traballo humano, do que deriva unha gran produtividade da terra a pesar da baixa produtividade do traballo; é o caso da agricultura de semisubsistencia da India, dos oasis norteafricanos e do Oriente Medio, a agricultura de secaño do Sudeste asiático e a intensiva e de regadío do sur e leste de Asia. A agricultura practicada no arrozal asiático pódese definir como unha agricultura tradicional de regadío sobre campos permanentes e intensamente aproveitados. A agricultura tradicional especializada e semicomercial destaca pola súa maior mecanización e un certo investimento en cultivos industriais, sendo a propia do noroeste da India e Paquistán e das zonas semiáridas de Iberoamérica e África. Por último está o latifundio, grande explotación na que predomina a man de obra asalariada; as baixas producións da terra e do traballo non impiden unha forte comercialización, como sucede nas plantacións tradicionais de Iberoamérica.

  12. agricultura itinerante

    Tipo de agricultura extensiva caracterizada pola mobilidade espacial, e na que os agricultores traballan a terra ata que o solo amosa síntomas de esgotamento ou está pragado de malas herbas; unha vez acontece iso, aos dous ou tres anos de explotación continuada da terra, trasládase o campo de cultivo. As causas da necesidade de desprazamento constante son o emprego de intrumental e técnicas de cultivo moi elementais e a deficiente fertilización (as sociedades que a practican adoitan non criar gando, polo que non teñen a posibilidade de estercar). Entre o instrumental máis empregado está o pau de cavar, a machada e o machado, o sacho, a fouce e, case exclusivamente nos barbeitos de monte baixo de Iberoamérica, o arado. Os métodos de preparación do terreo seguen un esquema máis ou menos fixo: en primeiro lugar selecciónase o terreo cortándose as árbores; posteriormente, pouco antes da estación das chuvias, préndeselle lume ao terreo para sementar inmediantemente sobre as cinzas, dependendo da fertilidade acadada, do volume e das calidades da madeira queimada; a sementeira consiste nun policultivo que varía sensiblemente segundo as áreas nas que se practica este sistema; posteriormente se dan unha ou varias sachaduras para manter os campos limpos e, por último, colléitase en fases graduadas. Despois duns oito ou dez anos de abandonadas as terras, deixadas a barbeito forestal, pódese volver a cultivar. O barbeito adoita durar entre 20 e 25 anos, sempre e cando existan abundantes terras dispoñibles. Na actualidade é moi rara a práctica dunha agricultura itinerante propiamente dita, na que non se volve a parcelas anteriormente roturadas. A dimensión das explotacións varía moito, requirindo sempre importantes extensións de terra. A paisaxe agraria resultante é difusa, producíndose por unha banda unha mestura entre os trazos culturais e naturais e pola outra os cultivos e o monte baixo. En claro retroceso, a súa distribución espacial abrangue todo o mundo tropical. Este tipo de agricultura non tolera senón baixas densidades de poboación, de menos de 10-15 h/Km 2 , reducindo o actual crecemento demográfico a disponibilidade de terras. Xunto a esto, a presión exercida polos gobernos dos estados nos que se practica, que adoitan caracterizala de estrago, e polos cultivos comerciais contribúen ao abandono deste sistema. O verdadeiro cultivo itinerante, trasladando os campos e os poboados, localízase fundamentalmente en África e, en menor medida, na América tropical, Asia e terras do Pacífico. Na actualidade, calcúlase que este tipo de agricultura, que recibe diferentes nomes segundo os diferentes pobos (lugan, tavy, jhum ou jhming, rai, landang, milpa, conuco, roça, etc), afecta a uns 250 millóns de habitantes en todo o mundo.

  13. agricultura mixta

    Sistema agrícola que combina nunha mesma explotación agricultura e gandeiría. A especialización produtiva nos países desenvolvidos coexiste cun modelo de agricultura mixta que todavía posúe grande importancia no Terceiro Mundo.

  14. agricultura protexida baixo abrigo/de invernadoiro

    Agricultura comercial e intensiva caracterizada por ocupar parcelas de pequeno tamaño adoito cubertas por unha estrutura vidrosa ou plástica para protexer aos cultivos de inclemencias climáticas permitíndolles luz. O microclima así creado permite cultivar produtos, habitualmente hortícolas, fóra da tempada que lles é propia. Os axeitados índices de humidade e temperatura, a coidada fertilización e o tratamento da terra permiten unha elevada produtividade.

Refráns

  • A caste da horta sae da corte pola porta.
  • A cebada na lameira, o trigo na poeira.
  • Agosto pasou: quen mallou, mallou.
  • Ano de ameixas, todas son queixas.
  • Ano de brevas, nunca acá veñas / nunca o vexas.
  • Ano de landeira, ano de laceira.
  • Ano de néboas, ano de medas.
  • Barbeitar, antes que empece a xear.
  • Canto mellor arrendes, mellor colleita terás.
  • Cava fondo e terás anada de abondo.
  • Cava fondo e terás colleita abondo.
  • Cava, labor e barbeito en maio han de estar feitos.
  • Cávame tarde, bimame cedo e pagareiche o que che debo -díxolle a viña ao labrego.
  • Caves ben ou caves mal, cava no carreiral.
  • Caves ben, caves mal, cava ben no carreiral.
  • Dáo Deus na eira e tólleo Marta na maseira.
  • Decrúame tarde, arréndame cedo e pagareiche o que che debo -dixo na terra o millo.
  • Díxolle o millo á terra: Decrúome tarde, arréndame cedo, e pagareiche o que che debo.
  • En abril e maio faí fariña para todo o ano.
  • Este ir e vir á horta tráeme morta.
  • Hoxe bouza e mañá cadaval.
  • Labra feita, bois ao monte.
  • Maio frío, moito trigo.
  • Maio hortelán, moita folla e pouco gran.
  • Maio pardo, ano farto.
  • Maio pardo, sinal de bo ano.
  • Maio un pouco frío cría trigo pero, se é moi frío, nin palla nin trigo.
  • Máis eolleita dá o ano có campo ben traballado.
  • No marzo abrigo, na eira pantrigo.
  • O home, na leira; a muller, na lareira.
  • O pan que foi ben sachado enche o hórreo do seu amo.
  • O pan raro carga o carro.
  • O pe do dono é esterco para a leira.
  • O que mal decrúa, na arrenda o súa.
  • O queixo hase mercar na queixeira; e o trigo, na eira.
  • O queixo, na queixeira; e o centeo, na eira.
  • Os campos han de estar brancos polo mes de santos.
  • Pan para maio e leña para abril; e o mellor cepón, para marzo o compón.
  • Pola santa Mariña deixa a sacha e colle a fouciña.
  • Pola santa Mariña dixo a cebola: Báixame a porretiña
  • Por Santos sacha a horta e capa o rancho.
  • Quen con bois arou moito traballou.
  • Se estercas e labras, terás boa anada.
  • Vale máis a boa sazón que cavar moito o terrón.