aguinaldo

aguinaldo

(< lat hoc in anno ‘nesteano’)

  1. s m

    Presente que se dá polo Nadal, Aninovo ou Reis.

    Ex: Este ano déronnos como aguinaldo unha cesta chea de turrón.

  2. s m

    Recompensa que se lle dá a unha persoa que realiza un traballo ben feito ou que anuncia boas novas.

    Ex: Recibín un aguinaldo por comunicarlles os aprobados.

  3. s m

    Recompensa que reciben os grupos de xente nova que van pedindo polas casas dos veciños, de aldea en aldea, nas festas de Aninovo e Reis. No seu percorrido van cantando panxoliñas e outras cantigas populares, acompañándose de diferentes instrumentos musicais. O agasallo podía outorgarse en cartos ou en especies, celebrando todos xuntos as festas con el.

    Ex: Acabaron de recoller o aguinaldo ás tres da mañá.

  4. s m [MÚS]

    Canto que se encadra dentro do chamado ciclo do Nadal (tempo transcorrido entre o 24 de decembro e o 6 de xaneiro), acompañado musicalmente cunha gaita, acordeón ou cunha morea de instrumentos de percusión (cunchas, castañetas, ferriños, pandeiros, tapadeiras de olas, etc). Aparecen como coplas finais, aínda que noutrora existiron como cancións independentes, conservando o seu primeiro obxectivo: pedir cartos ou larpeiradas para a festa de Reis que se organiza unha vez rematado o ciclo.

  5. cantar o aguinaldo [MÚS]

    Costume de Galicia no que se interpretan cantigas populares ou panxoliñas por parte de diferentes grupos, coñecidos como bandos, xuntas, aguinaldeiros ou ranchos, nos días de Aninovo e Reis. Se a persoa da casa á que se dirixen non ofrece nada, entón improvisaban cantigas de maldicir: “Déanos o aguinaldo / aínda que sexa pouco / un touciño enteiro / e a metade doutro”.