Álava, Juan de

Álava, Juan de

ou Juan de Ibarra (Larrinoa?, Araba, antes do 1505 - Salamanca 1537) Arquitecto vasco. Realiza a súa formación en Gasteiz como mestre de obras. Reclamado polo Arcebispo Fonseca II, chega a Santiago de Compostela no ano 1510 para facer as trazas do novo claustro da Catedral que ía substituír ao medieval. Álava incorporará a este proxecto un pequeno grupo de arquitectos formados na escola castelá e que despois deixarán a súa pegada en Compostela: Gil de Hontañón, Juan de Badajoz e Alonso de Covarrubias. No 1521 comezan as obras do claustro baixo a dirección de Xácome García, canteiro local dende entón vencellado a Juan de Álava en gran parte da súa obra en Galicia. A construción deste claustro, con numerosos problemas nos seus alicerces, será un dos primeiros exemplos das formas renacentistas en Galicia, combinando as formas construtivas goticistas tanto nos abovedamentos como nas crucerías nervadas con motivos ornamentais clasicistas. Atópanse exemplos da obra deste arquitecto noutras partes da Catedral: a portada da Sancristía, o Tesouro e a Capela dos Alba. Pola súa orixinalidade tamén se asocia coas trazas da Capela dos Mondragón e a Capela da Concepción. A súa obra mestra foi o convento de San Esteban (1524), en Salamanca.

Palabras veciñas

Alaung-Sithou | Alaungpaya | Álava | Álava, Juan de | alavanco | Alavarría, Carolina | alavés -sa