albogue
(< ár al-bōq ‘frauta’)
-
s
m
[MÚS]
Antigo instrumento pastoril de vento. É un clarinete simple de boca cilíndrica formado por catro pezas: un tubo cadrado con buratos destinados a producir a melodía; unha cana simple, denominada pipa, de lingüeta batente inserida nun dos extremos do tubo; dous anacos de cornos de vaca, denominados cornatos, destinados o maior a pavillón de resonancia e o menor a boca do instrumento. A súa orixe é primitiva e escura; parece que foi introducido na Península Ibérica polos árabes. Irmán da alboka vasca, da gaita gastoreña en Cádiz e da gaita de pastor na serranía de Madrid, está emparentado con clarinetes repartidos por Europa, Asia e África. O albogue e a gaita de pastor están en decadencia; a alboka vasca, sen embargo, ultimamente, rexurdiu con gravacións de importantes albokaris. Esta última diferénciase do albogue por ser un clarinete dobre con reserva de aire. Na literatura e na iconografía hai exemplos da súa existencia na Idade Media no ámbito peninsular.
-
s
m
[MÚS]
Instrumento de percusión que marca o ritmo nas cancións e bailes populares.