Alborada de Veiga

Alborada de Veiga

Composición coral de Pascual Veiga, con base no poema “A estrela cruñesa” de Francisco María de la Iglesia, estreada con grande éxito en Pontevedra no 1880 polo Orfeón Brigantino. Fóra de Galicia coñécese co nome de Alborada gallega. No certame musical de París organizado co gallo da Exposición Universal do 1889, foi interpretada polo Orfeón Coruñés número 4 e dirixida polo propio Veiga, a quen o goberno francés concedeu as palmas académicas ao tempo que o Orfeón acadaba a Grande Medalla de Ouro. A obra, en fa maior, comeza por un preludio mensural ao que seguen dúas partes que suxiren a alborada característica, unha terceira cunha melodía en dúas frases (baixos e tenores en sucesión), unha cuarta cunha cadencia popular á que segue unha quinta en forma de alborada tipo e dous motivos adicionais para rematar. É obvio, pois, que dende o punto de vista formal, a Alborada de Veiga ten pouco que ver (carácter vocal, preludio non libre, sucesións melódicas, articulación de partes) coa alborada en senso estricto.

Palabras veciñas

Alborada | Alborada | Alborada | Alborada de Veiga | Alborada, La | Alborán | Alborán, mar de