albufeira

albufeira

(< ar vulgar al-buháyra ‘a lagoa’ < ár clásico buḥayrah dim de baḥr ‘mar’)

s f [XEOG]

Lagoa de auga salgada separada do mar por un cordón litoral. Debido a un movemento transgresivo do mar, ou polo efecto das correntes mariñas, as areas litorais poden acumularse nas costas baixas, formar cordóns litorais e illar total ou parcialmente unha extensión de auga. A maior parte das albufeiras comunican co mar mediante estreitos que cortan o cordón litoral ou barra. De dimensións diversas, pero sempre de moi escasa profundidade, adoitan estar alimentadas por auga doce continental, e por este motivo o seu índice de salinidade acostuma ser inferior ao da auga do mar. As albufeiras tenden a encherse lentamente por diversas causas, como a decantación de materiais lixeiros transportados pola auga continental. A acción do home modificounas a miúdo, ben illándoas, totalmente ou en parte, para facilitar a evaporación e a formación de salinas, ben conseguindo espazo para os cultivos.