Alcántara, Orde de
A Orde de Alcántara comezou a súa andaina como confraría de cabaleiros radicada no convento de San Xião de Pereiro, preto de Cinco Vilas, na Beira Alta portuguesa. Aparece mencionada por primeira vez en xaneiro do 1176, cando o Rei Fernando II de Galicia e León agasallou os citados cabaleiros co lugar de Pereiro, na persoa de Gómez, fundador da casa. O Papa Alexandre III aprobou a nova Orde, concedéndolle protección papal e a exención de certos dezmos (29.11.1176), sendo confirmados os privilexios por outros pontífices. Adoptou no 1190 a Regra do Císter, ben que mantendo certo sometemento respecto da Orde de Calatrava (xa antes do 1187). Entre 1188 e 1196 esténdese por Castela, adoptando o nome de Orde de Trujillo. A relación con Calatrava causou disputas, que se resolveron mediante un convenio segundo o cal os de Pereiro prometían obedecer o mestre de Calatrava e recibir as súas visitas de inspección; a cambio a Orde de Calatrava entregoulles todas as posesións que tiña no Reino de León (entre elas a ponte de Alcántara), tendo o mestre de Pereiro-Alcántara voto na elección do mestre de Calatrava. A pesar dalgunhas protestas illadas (1224), o convenio cumpriuse e seguiron dependendo de Calatrava nos séculos seguintes. A Orde loitou nas campañas estremeñas de Fernando II e Afonso IX. A primeira noticia da súa participación en feitos de armas é do ano 1230, cando participan na Batalla de Alange dirixidos polo seu mestre Arias Pérez. Logo participan na conquista de Mérida, Trujillo, Murcia (1243), Sevilla (1248) e na invasión de Portugal (1246), recibindo importantes doazóns e señoríos (Alcántara, Magacela, Morón, Cote) e outros en Galicia e Murcia. Sostivo algunhas disputas sobre termos con varias cidades veciñas, e sobre dezmos, sobre todo cos bispos de Coria. Coas Ordes Militares de Santiago e Calatrava as relacións foron amigables; non así co Temple, con quen mantiveron unha serie de disputas que remataron nunha loita aberta en 1308. Entre 1248 e 1494 dedícase a Orde, en Extremadura, a loitar contra o Reino de Granada, a protexer o territorio contra os portugueses defendendo os intereses da Coroa de Castela. Fernán Páez (1284-1292) e Gonzalo Pérez (1296-1312) loitan contra os partidarios dos infantes de La Cerda e Rui Vázquez (1312-1321); Sueiro Pérez Maldonado (1321-1334) e Rui Pérez (1334-1335) loitan contra os musulmáns na toma de Bélmez e Tiscar, e no sitio de Xibraltar. A intercesión de Afonso XI, querendo intervir na elección do mestre, provocou cismas, ademais da destitución e morte de varios mestres. Con Nuño Chamizo (1338-1343) volveuse á normalidade; baixo o seu mandato a Orde participa na Batalla do Salgado (1340), e logo, baixo outros mestres, nos sitios de Algeciras e Xibraltar. Os mestres serviron lealmente a Pedro I contra os seus medios irmáns rebeldes e contra Aragón. Logo, Enrique II e Xoán I empregaron a Orde para defender Extremadura contra os petristas e portugueses. Loitando contra os últimos, na Batalla de Aljubarrota, morreron o mestre Gonzalo Núñez de Guzmán, e en Granada o mestre Martín Yáñez de Barbuda. A intervención real aumentou cando Fernando de Antequera fixo elixir como mestre o seu fillo Sancho (1408-1416), quen tentou tamén un proxecto de reforma da Orde (Cabido Xeral de Ayllón, 25.8.1411), pero os intentos de reforma fracasaron, polo que os mestres se lanzaron con plena dedicación ás loitas nobiliarias do século XV. Xoán de Soutomaior (1416-1432) puxo a súa lealdade entre Xoán II e o infante don Enrique; o seu comendador maior, Gutierre de Soutomaior, levantouse contra el e arrebatoulle a mestría (1432-1456). Gómez de Cáceres (1456-1471) pasou anos loitando contra o seu chaveiro, Afonso de Monroi, ata que este chegou a ser mestre (1471-1479), tendo que loitar, á súa vez, contra outro pretendente, Juan de Zúñiga (1479-1494). Zúñiga renunciou ao cargo pola presión dos Reis Católicos, aos que o Papa Alexandre VI nomeara administradores perpetuos (21.06.1501), concesión ratificada para os seus sucesores por Adrián VI (5.4.1532). A Orde converteuse nun sostén fiscal e político da monarquía, o mesmo que as demais ordes, a través do Consello das Ordes. Os monarcas premiaron con hábito e encomendas a lealdade e celo dos seus xenerais e funcionarios. Se ben antigamente non parece que existisen trabas que limitasen a entrada na Orde, a partir do século XVI os pretendentes tiñan que probar a súa fidalguía e limpeza de sangue dende catro xeracións. As mellores encomendas estaban destinadas á alta aristocracia. Pouca xente entrou na Orde: entre 1500 e 1903 só se afiliaron 2.188 cabaleiros. Os deberes relixiosos dos freires atenuáronse co tempo (dispensa de hábito, permiso para casar, anulación do voto de pobreza, etc). A Orde quedou convertida nunha confraría de individuos ricos, casados e en moitos casos donos de señoríos, tendo 38 encomendas, 53 vilas, catro aldeas, un colexio en Salamanca fundado en 1552, dous conventos de freires (San Benito de Alcántara -convento maior, sede do arquivo- e Magacela) e dous de monxas (Sancti Spiritus de Alcántara fundado no 1518 e abandonado no 1809 e San Pedro de Brozas). Todos os membros e as súas posesións portaban unha cruz flordelisada en ouro e verde, que se situaba no lado esquerdo dun manto branco. Logo da desamortización a Orde perdeu as súas posesións (1835); Isabel II seguía concedendo hábitos como títulos puramente honoríficos ata que a Orde foi suprimida na I República (3.9.1873). Restaurada en 1874, de novo suprimiuse en abril de 1931. En Galicia a Orde aparece na primeira metade do s XIII, posuíndo tan só a encomenda da Batundeira (con sede no casarío do mesmo nome, na parroquia de Velle, concello de Ourense), que xestionaba bens repartidos fundamentalmente polas comarcas orientais (Ribadavia, Nogueira en Chantada, Nazar, Puga, Pena en Cenlle, cidade de Ourense, etc).