Alexandre/Alexandra
Nome procedente do grego Aléksandros (’Aλέξανδρος) composto polo verbo ἀ λέξω ‘protexer, defender’ e o substantivo ἀ ν ή ρ, ἀ νδρός ‘home’, é dicir, ‘defensor dos homes’ ou ‘protexido’, que chegou a nós a través do latín Alexander, -andri. Conta a lenda que cando Príamo e Hécuba esperaban un fillo, un oráculo advertiulles que aquel meniño habería traer a ruína de Troia. Por mor do augurio, os pais abandonaron o neonato no monte Ida. Alí foi recollido por uns pastores que lle deron o nome de Alexandro polo contido semántico que tiña o termo (‘protexido’). Entre os santos que teñen este nome, cómpre salientar: santo Alexandre I (s II), santo Alexandre de Bérgamo (s III) e o príncipe de Novgorod, santo Alexandre Nevski (s XIII). Ao se fundar a cidade de San Petersburgo (1703), Pedro o Grande consagroulle un mosteiro e converteuno en santo nacional e dinástico de Rusia. Recibe culto nos países eslavos: a catedral de Sofía-Bulgaria ten a súa advocación. Tamén leva este nome a cidade exipcia de Alexandría. Documéntanse 37 celebracións distintas dedicadas a este santo, non obstante non ten parroquia nin romaría propia en Galicia. O antropónimo Alexandre presenta como variantes Lisandro, Alexandro, Aleixandro e como hipocorísticos Xandre, Xandro, Xano, Tano, Tete/Xandra, Xana.