Alfeirán
Liñaxe orixinaria de Santa Cruz de Retorta, en Guntín, no chamado “casal de Miño” que pertence tamén aos Prado. É unha das estirpes máis brillantes de Viveiro onde son abundantes os brasóns desta familia. Espalláronse por Ortigueira e por outros lugares do litoral setentrional e chegaron, mesmo, a Perú e Bolivia. Emparentaron con distinguidas familias galegas como os Bendañas ou os Pita. As armas desta familia levan, en campo de prata, un cervo con hastas da súa cor, sobre ondas de azur e prata; no xefe, tres ameas de sable e, arredor do cervo, unha rama de sinople saíndo das aguas. Algunha variante trae, en campo de ouro, unha cruz de goles; e partido de prata, cunha cabeza de mouro, de sabre. Outros levan, escudo partido: o primeiro, en campo de ouro, unha cruz de goles; e, o segundo, en campo de prata, unha cabeza de mouro de sabre; bordo de goles con oito aspas de ouro. Aínda se reseñan outras dúas variantes: unha leva, en campo de azur, unha aguia ao natural, en actitude de emprender o voo; e outra, en campo de azur, unha pomba de prata.
